publicidade hoxe

Os Coribantes pechan o seu cartel artístico para o concerto benéfico do quilo solidario en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Presentación do concerto

Presentación do concerto

A Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade rematan o seu cartel artístico para o concerto benéfico do Quilo Solidario que terá lugar o vindeiro venres 13 de novembro no pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas e co que colabora o Concello. Entre os participantes nesta edición estarán o Grupo Limón, Laranxada de Limón, Malas Formas, Manoele de Felisa, Maianas, Silvia María, Suso Feixón, Bernardo Xosé, Emilio Españadero e os propios Coribantes.

O obxectivo será manter os 4.000 quilos de alimentos non perecedeiros que se recollen durante a celebración do festival e nos Supermercados Froiz ubicados na zona e que serán repartidos entre familias con dificultades económicas do municipio a través de Cáritas de Ponte Caldelas e A Insua e os Servizos Sociais do Concello. 

Por outra banda, ao día seguinte do concerto solidario, Os Coribantes conmemorarán cun xantar no pavillón de deportes os primeiros 10 anos de vida desta asociación, “dez anos facendo música. Comezamos alá polo ano 2005 uns 5 ou 6 compoñentes e hoxe superamos os 80”, lembrou Rodríguez Lale. A este xantar estarán convidados tamén os alcaldes de Cotobade, Soutomaior, Fornelos de Montes, A Lama, Pontevedra e Ponte Caldelas “por sermos xa desde hai tempo unha entidade de ámbito supramunicipal e totalmente comarcal. Tocan con nós mozos e mozas de todos destes concellos, de toda a contorna”, indicou Lito Rodríguez, presidente da agrupación.

“VOLVEN A CASA POLO NADAL”, DIXO O ALCALDE

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, salientou durante a presentación do evento o feito de que este concerto volva a celebrarse no municipio, máis concretamente no pavillón municipal de deportes. “É unha novidade que Os Coribantes volvan a casa polo Nadal co seu concerto solidario a Ponte Caldelas, pero é unha expresión clara do noso desexo de que teñan no noso municipio o seu epicentro de actividade e dado que os alimentos que se recaden serán para Ponte Caldelas e recollidos, maioritariamente, no noso concello o lóxico é que o festival se faga aquí e así será”, sinalou o rexedor. 

A decisión de adiantar a celebración do Concerto Benéfico do Quilo Solidario ao mes de novembro é “pola necesidade de acadar unha maior eficacia recadatoria de alimentos xa que no medio do Nadal, coas compras destas datas, resultaba un tanto complicado. Este ano estaremos de xeito presencial nos Supermercados Froiz animando á xente a colaborar e dándolle directamente unha entrada para que co seu donativo leven xa unha entrada para asistir ao concerto”, explicou Lito Rodríguez. 

CHEQUE SOLIDARIO DO CONCELLO DE PONTE CALDELAS PARA FAMILIAS EN SITUACIÓN DE ESPECIAL DIFICULTADE ECONÓMICA 

Finalmente, o alcalde Andrés Díaz agradeceu a iniciativa solidaria posta en marcha polos Coribantes de Buchabade e recordou que o grupo de goberno decidiu que o Concello de Ponte Caldelas, a través dos Servizos Sociais, entregue no Nadal ás familias con especiais dificultades económicas do municipio unha serie de cheques solidarios de 100 euros para que poidan mercar roupa, calzado e alimentos frescos cousas que non son obxecto das axudas dos bancos de alimentos ou recadados a través de actuacións tan loables como esta e que tamén son moi necesarios.

11 de novembro de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.