publicidade hoxe

Os concellos da área do IES de Curtis acordan os ciclos formativos que se pedirán para o vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

Curtis e os municipios da área de influencia do IES de Curtis, que dá cobertura educativa a unha zona de máis de 22.000 habitantes, acordaron hoxe solicitar á Consellería de Educación para o próximo curso escolar unha oferta formativa con dous novos ciclos de FP, cos que se quere substituír aos de Administración e Electricidade, que se eliminaron este ano por non ter demanda suficiente.

A proposta concretouse tras analizar os estudos realizados no último mes polos concellos de Curtis, Aranga, Frades, Mesía, Vilasantar, Boimorto e Sobrado con axuda dos centros educativos para coñecer as necesidades formativas de cada municipio e poder presentar unha oferta alternativa de ciclos de FP que se axuste ás demandas reais do mercado. A iniciativa foi promovida polo Concello de Curtis, quen implicou ao resto de rexedores co obxecto de garantir que os mozos das zonas rurais poidan acceder á Educación na mesma igualdade de condicións que os das áreas urbanas.

Nos estudos realizados analizáronse desde as matriculacións en centros educativos de áreas próximas e de similares características até as demandas de emprego máis recorrentes nos municipios implicados.

A proposta pechouse hoxe nunha reunión entre o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, os rexedores de Sobrado e Vilasantar e os tenentes de alcalde de Aranga, Frades, Mesía, e  Boimorto, e foi ratificada despois nunha segunda reunión na que estiveron presentes o rexedor curtiense, a ANPA e a directiva do IES de Curtis e un representante da oposición.

Os concellos comprometéronse, ademais, a levar para a súa aprobación en Pleno a proposta consensuada para reclamar a Educación que atenda ás súas demandas. 

17 de novembro de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.