Os composteiros comunitarios da Deputación de Pontevedra instalaranse en parcelas de entre 35 e 95 metros cadrados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os concellos deberán habilitar espazos de entre 35 e 95 metros cadrados para a instalación dos composteiros comunais que repartirá a Deputación de Pontevedra. Así o establecen as bases reguladoras do proceso de selección das entidades locais da provincia interesadas na implantación de composteiros comunitarios que se publicarán mañá no Boletín Oficial da Provincia (BOPO) e que foron consensuadas cos responsables municipais.

Segundo explicou o vicepresidente provincial, César Mosquera, as entidades locais que aspiren a instalar no seu territorio os centros de compostaxe da Deputación deberán presentar a súa solicitude formal nun prazo de dous meses a contar dende o día seguinte á publicación das bases (ata o 18 de xaneiro). Así mesmo, deberán aportar o modelo base de solicitude debidamente cumprimentado e achegar o escrito de compromiso de tódalas familias que participen na iniciativa (cunha listaxe nominal de tódolos membros da unidade familiar indicando a súa idade e dirección e a sinatura dun representante legal). Ese compromiso considérase imprescindible e de obrigado cumprimento e, no caso de non cumprirse, os centros de compostaxe solicitados serían automaticamente denegados.

Por outra banda, as entidades locais solicitantes deben acreditar a disposición dos terreos necesarios para a instalación dos composteiros (mediante un título de propiedade, inventario de bens, certificación catastral, contrato de arrendamento ou documento de cesión…), así como designar a persoa da entidade que será responsable de supervisar e garantir que as unidades que se entreguen se utilizarán exclusivamente para a fabricación de compost cos residuos orgánicos xerados nos fogares.

A cada entidade local subministraráselle un máximo de 24 unidades modulares dun metro cúbico para formar os seus centros de compostaxe comunitario (CCC) nas diferentes localizacións, que se poderán distribuír entre dous de maior tamaño (con 12 módulos) e ata oito de menor tamaño (con tres módulos).

Criterios de selección

Entre os criterios de selección primará fundamental mente (40 puntos de 100 totais) o compromiso dos veciños e comerciantes da zona (entre 60 e 300 por composteiro) a aportar a fracción orgánica de residuos libre de elementos inadecuados. Valorarase a proporción de veciños voluntariamente comprometidos a participar , así como os apoios de asociacións e/ou comunidades de propietarios presentadas por escrito, xunto co compromiso de produtores singulares de residuos, tipo restaurantes, comedores escolares, supermercados ou transformadores de alimentos cubertos polo centro de compostaxe.

O segundo criterio que dará máis puntuación será a provisión de material estruturante para a mestura coa fracción orgánica de residuos (ata 25 puntos). Terase en conta o compromiso da entidade local de aportar os materiais leñosos (de podas, limpezas de montes ou fincas) e de habilitar un lugar coas mínimas condicións de espazo para que poida acceder a maquinaria provincial que triturará ese material para logo levalo ao composteiro.

Valorarase con outros 25 puntos o uso do compost (agrícola ou en xardinería) no mesmo lugar de produción, así como a retirada do compost polos propios veciños participantes para o seu uso nos seus propios domicilios. Tamén se deberá aportar un listado nominal dos cidadáns comprometidos a ese uso directo.

Por último, entre os criterios de selección establécese a provisión dun lugar axeitado para a instalación dos CCC (ata 10 puntos). Este deberá ter un mínimo de 35 metros cadrados para un composteiro de tres módulos -o máis pequeno- e un máximo de 95 metros cadrados para outro de 12 módulos- o máis grande-. A distancia aos veciños participantes debe ser menor de 300 metros e non ter demasiada pendente.

Segundo explicou César Mosquera, o obxectivo é que a instalación dos composteiros se realice en lugares perfectamente accesibles e cómodos para os veciños, coa finalidade de facilitar ao máximo a súa colaboración á hora de aportar os restos orgánicos do lixo (restos de comida e vexetais). Preténdese coidar en extremo a integración de cada CCC no contorno no que se ubicará, tendo en conta os usos e características actuais de cada parcela, así como os usos dos espazos periféricos limítrofes co espazo seleccionado. Non se desbota a idea de que os veciños comprometidos coa compostaxe poidan suxerir a cada entidade local a mellor localización, en terreos públicos ou privados (vendidos, alugados ou cedidos voluntariamente polos seus propietarios para tal fin). Tamén se mirará pola calidade urbana de cada instalación, cuxos elementos terán un deseño apropiado e vistoso.

17 de novembro de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.