publicidade hoxe

Operarios municipais de Ponte Caldelas limpan e reparan a canle da poza de Parada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Limpeza da canle

Limpeza da canle

Operarios municipais proceden á limpeza e reparación da coñecida como canle da poza de Parada, desde a zona próxima ao Balneario ata o muíño, tal e como se comprometera o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o seu equipo de goberno nunha recente asemblea veciñal celebrada na Casa do Pobo de Parada.

Segundo manifestou o alcalde, Andrés Díaz, esta é unha das obras que se acometerán en Parada, solicitada polos veciños nunha recente xuntanza na Casa do Pobo, e que se pode realizar grazas á participación dos operarios do Plan de Emprego da Deputación que permitirán resolver moitas das peticións feitas polos residentes nos 33 lugares que compoñen o municipio.

Andrés Díaz destacou a importancia que esta canle de regadío ten para os veciños de Parada posto que a súa recuperación e posta en funcionamento permitirá tamén ser un aliciente desde o punto de vista turístico para os amantes do sendeirismo xa que a canle discurre por uns paraxes marabillosos entre as proximidades do Balneario e o muíño de Parada, devolvéndolle precisamente a esta construción, xoia arquitectónica do patrimonio etnográfico de Ponte Caldelas, o seu primitivo funcionamento.

Esta actuación estase completando cunha serie de actuacións en materia de limpeza e pequenas reparacións que darán resposta inmediata ás peticións feitas polos veciños ante o alcalde e o equipo de goberno. 

O alcalde manifestou que a intención do equipo de goberno é utilizar os operarios recentemente contratados para os meses de novembro e decembro, a través do Plan de Emprego da Deputación, para resolver o máximo posible das múltiples peticións realizadas nas distintas asembleas veciñais convocadas para coñecer e atender, sobre todo, os problemas que padecen os 33 lugares que compoñen o municipio de Ponte Caldelas.

“A nosa prioridade é atender, na medida das nosas posibilidades e ata o máximo de onde poidamos chegar, todas aquelas peticións xustas e racionais que nos cheguen, sin ter en conta onde resida cada veciño nin a súa forma de pensar. Éste é un novo Concello aberto a todos, cunha xestión transparente e na que poderán participar activamente os veciños para determinar o que se fai cos cartos dos impostos que pagan e para evitar discriminacións nin arbitrariedades do pasado”, sinalou Andrés Díaz.

18 de novembro de 2015 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.