publicidade hoxe

O xulgado suspende o procedemento das facturas de SOGAMA á espera do que ordene o Constitucional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol comunicoulle recentemente ao Concello de San Sadurniño a suspensión do procedemento relativo ao pleito que mantén con SOGAMA por mor do pagamento do canon do lixo. O auto do xulgado establece a paralización do procedemento mentres non haxa un pronunciamento do Tribunal Constitucional sobre a legalidade de que a Xunta vinculase o canon á lei de orzamentos da comunidade. Na práctica a decisión do Contencioso suporá que San Sadurniño non terá a obriga de pagar polo momento as facturas de marzo e agosto de 2014 ás que se refire o procedemento. Ademais, no caso de que o TC declare inconstitucional o xeito en que se estableceu o canon, o Concello contará cun aval xurídico de peso para reclamarlle a SOGAMA o que pagou de máis durante o ano pasado.

Alén dun posicionamento político contrario á imposición dun sobreprezo para o lixo por consideralo “unha fórmula para mellorar ás contas de resultados de Gas Natural Fenosa” -accionista canda á Xunta de SOGAMA-, o alcalde explica que a razón principal de pleitear polas facturas “foi sempre a de defender os intereses veciñais contra dunha imposición que, ademais, seguimos pensando que nin é legal nin ten razón de ser no noso caso”. Secundino García alude ao contrato de prestación de servizos asinado en 2004 entre o Concello e a empresa semipública. Nel establecíase unha duración de 15 anos durante os que o prezo por tratar o lixo só se incrementaría anualmente o que subise o IPC. 

“Tiñamos un contrato asinado ata o 2019 e SOGAMA modificou pola súa conta as condicións co apoio da Xunta, que actuou neste caso como o “primo de Zumosol”. Primeiro vinculou a suba dun 33% por tonelada aos orzamentos autonómicos en forma de canon e, case de inmediato, ameazou a quen non cumprise con reterlle os fondos de cooperación local”, asegura Secundino García.

O caso é que tan pronto como empezaron a chegar facturas incrementadas co canon, San Sadurniño empezou a devolvelas solicitando que se refixesen cos importes que figuraban no contrato. En vez diso, SOGAMA acudiu ao xulgado que, alomenos en parte, lle deu a razón. E é que o Contencioso-Administrativo nº1 de Ferrol estimou as súas pretensións e ditou sentenza firme sobre as facturas de abril, setembro e outubro de 2014, cun montante total próximo aos 17.000 euros. Agora ese mesmo xulgado deixou en suspenso o procedemento relativo ás facturas de marzo e agosto -algo máis de 9.000 euros- á espera de que o Tribunal Constitucional se pronuncie ao respecto da cuestión de inconstitucionalidade presentada polo Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense en relación co caso do Concello de Piñor, idéntico ao de San Sadurniño. 

A vía aberta polo xuíz ourensán sementa a dúbida sobre a legalidade de que a suba do 33% por tonelada de lixo se incluíse nunha disposición adicional da lei de orzamentos autonómicos. Un proceder que “podería considerarse anómalo e irregular” e que, para o maxistrado, estaría vulnerando ata nove artigos da Constitución, así como a normativa sobre contratos públicos.

Estando así as cousas agora ábrese un tempo de espera para San Sadurniño que, segundo asegura o alcalde, “podería demorarse varios meses ou incluso ata dous anos”. Se finalmente a sentenza do Tribunal Constitucional lles vén dar a razón aos concellos “San Sadurniño reclamaralle a SOGAMA ata o último céntimo cobrado de máis, e así llo fixemos saber”.

11 de novembro de 2015 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.