O xerente do Sergas e López-Chaves mantiveron un encontro cos comerciantes do entorno do Xeral
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantiveron esta mañá un encontro cunha representación de comerciantes do entorno do Xeral para escoitalos e informarlles dos servizos sanitarios cos que contará o centro sanitario ubicado na rúa Pizarro. Trátase xa da segunda reunión que a Xunta mantén co colectivo posto que o delegado xa mantivo unha primeira reunión hai unhas semanas incorporándose nesta ocasión o responsable do Sergas.
No transcurso do encontro, os representantes da Xunta amosaron a súa comprensión coas inquedanzas dos comerciantes pero trasladáronlle tranquilidade posto que o Anexo II do Xeral seguirá a contar con actividade sanitaria, o que conlevará movemento de poboación no entorno do centro asistencial.
O xerente do Sergas explicoulles de xeito pormenorizado os servizos que, seguindo o proxecto de reordenación integral da área sanitaria, quedarán nesta moderna infraestrutura e que se atopa en perfecto estado de conservación. Así, mantén algunhas das actividades sanitarias que xa viña realizando, como a Unidade de Fecundación in Vitro ou a Unidade de Rehabilitación e Fisioterapia así como as Unidades de Saúde Mental de Coia e A Doblada e o Centro de Orientación Familiar. Ademais, conta xa coa Unidade de Atención Primaria da Rúa Bolivia –que da cobertura a un total de 4.488 usuarios- e contará co Centro de Saúde da Doblada e o PAC de alta resolución de Vigo, que dan cobertura ás urxencias extrahospitalarias desde as 15.00 h. ás 8:00 h. os días laborais; e as 24 horas do día as fines de semana e festivos.











