O voceiro do PSOE no Congreso ve a Feijóo como inimigo número un de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O voceiro do PSOE no Congreso, Antonio Hernando, cualificou este venres a Núñez Feijóo como “inimigo número un de Vigo”, e reclamoulle que se poña “dunha vez ao lado dos vigueses”, aliándose coa cidade, “como vai facer Pedro Sánchez co Concello e co alcalde”.

En declaracións aos medios durante unha visita ao barrio do Calvario, Hernando subliñou que “Pedro Sánchez quere facer en España o que Caballero está a facer en Vigo”, unha cidade á que, nos últimos anos, “Rajoy e Feijóo deron as costas”.

A ese respecto, recordou que a urbe olívica ten problemas pendentes de resolver, que dependen en boa medida da Xunta, e centrou as súas críticas na situación “inaceptable” do novo Hospital Álvaro Cunqueiro. Así, referiuse á redución de camas, a redución de espazo en Urxencias ou a “vergoña” de que a Xunta “poña pegas” para que o Concello faga un acceso directo ao HAC dende o futuro párking municipal gratuíto.

Por outra parte, e en liña coas demandas de Abel Caballero, o voceiro dos socialistas no Congreso recalcou que é “absolutamente necesaria” a reforma da lei da área metropolitana “para que Vigo teña o peso que merece” e tamén a conexión de AVE por Cerdedo.

“Eses problemas vainos resolver Pedro Sánchez en colaboración co alcalde e coa cidade”, sentenciou, e instou a “axudar” ao candidato socialista a “sacar adiante este país despois dunha lexislatura perdida por Rajoy”.

20 de novembro de 2015 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.