O TSXG di que non hai xuíces dispoñibles para reforzar a sala de violencia de xénero de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A Sala do Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) indicou este venres que actualmente “non hai ningún xuíz de reforzo dispoñible” na provincia de Pontevedra para poder atender á solicitude do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, que pedira ter outro maxistrado de apoio.

Tal e como comunicaron fontes do TSXG, o alto tribunal galego reuniuse este venres e comprobou que neste momento non hai ningún xuíz de reforzo dispoñible, “con independencia da dispoñibilidade futura que poida sobrevir”.

A pesar diso, en atención á petición da formulada pola titular do Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo e ás “informacións publicadas en relación a este xulgado e aos de Familia”, a Sala acordou solicitar ao xuíz decano de Vigo un “informe” no que consten datos sobre a situación que hai nestes tres xulgados da cidade olívica.

Así mesmo, solicitou outro informe nos mesmos termos ao decano da Coruña, co obxectivo de “descartar a posible existencia dalgunha problemática”, dado que na cidade herculina se sitúa o outro xulgado exclusivo de Violencia sobre a Muller de Galicia e na cidade herculina hai tamén dous xulgados de Familia.

Así, o TSXG adiantou que unha vez que dispoña da información solicitada -na que se fagan constar tamén os seus respectivos equipos- “retomarase o asunto á maior brevidade posible”.

Esta comunicación prodúcese o mesmo día en que traballadores dos xulgados de Violencia de Xénero e dos xulgados de Familia de Vigo anunciaron en rolda de prensa a convocatoria varias mobilizacións nas próximas semanas para esixir solucións á “problemática de caos diario” que soportan nestes xulgados.

REFORZO EN XULGADOS

A única xuíza de reforzo dispoñible foi destinada no seu momento ao Xulgado de Instrución número seis de Vigo (que leva a causa da Pedra), tendo en conta as causas tramitadas e o volume de traballo das salas.

Ademais, o TSXG indicou a principios de novembro que “se”está á espera” de que haxa un novo maxistrado dispoñible para enviar o xulgado de instrución número sete, que tramita a chamada ‘Operación Patos’, “as necesidades da cal se consideran máis prioritarias”.

Segundo o Tribunal, e “atendendo á proxección estatística realizada para 2015 baseándose nos módulos de traballo fixados polo Consello Xeral do Poder Xudicial”, o xulgado de violencia sobre a muller de Vigo ten unha carga de traballo do 63 por cento, mentres que o resto de xulgados de instrución “están ao 99 por cento”.

20 de novembro de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.