O rexedor lalinense felicita á Deputación polos novos criterios para o reparto dos fondos provinciais
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, quixo felicitar hoxe á Deputación de Pontevedra polos novos criterios que vai empregar organismo provincial para o reparto de fondos entre os concellos. Fíxoo despois de recibir esta mesma mañá a comunicación na que se detallan os baremos que se seguirán para distribuír os cartos incluídos no Plan de Concellos 2016.
Trátase, en palabras do alcalde, de criterios “obxectivos, xustos e transparentes, que dan boa mostra dun novo xeito de facer as cousas na Deputación”. “Está claro”, recalca Cuíña, “que coa entrada de Carmela Silva e o novo goberno entrou aire fresco nunha institución que levaba anos enrarecida e cuxa xestión deixaba moito que desexar”. Ao fío disto, o rexedor apunta que esta novidade non só supón un cambio de rumbo cara un xeito máis democrático de entender a xestión pública, senón que tamén vai ser moi beneficioso para o concello de Lalín”.
O Plan Concellos 2016, da Deputación Provincial, supón unha clara mellora para os municipios, tanto dende o punto de vista económico como desde o da equidade, xa que suporá un incremento das subvencións e o importe fixo destas será moi superior para todos os concellos. Pero, por riba de todo, Cuíña salienta que “desaparecerá o 20 por cento de libre disposición, que agora se repartirá de forma transparente e non con criterios partidarios e de amiguismo, como fixo Louzán mentres estaba en funcións”. “Isto”, proclama o alcalde, “permite que dunha vez por todas a Deputación se afaste do clientelismo e o caciquismo propio de tempos pasados e que conduciron á vergoña de ver imputado a un ex presidente como Louzán”.











