O PSOE acusa aos populares de destruír o ensino público

Presentación da Oficina de Dereitos Perdidos
A secretaria de organización do PSdeG, Pilar Cancela, e o secretario de Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, presentaron a ‘oficina de dereitos perdidos’ este martes no campus de Santiago, coa que coa que pretenden presentar as propostas do PSOE en materia educativa e escoitar “a pé de rúa” as inquietudes dos estudantes.
En declaracións aos medios de comunicación, Bouza acusou o PP de “destruír o ensino público” e mostrou o compromiso do PSdeG por que se leven a cabo “reformas” para que o acceso á educación “non dependa da renda”.
Pola súa parte, Cancela, que rematou cun “aquí estamos para que Pedro sexa o presidente deste país” -por Pedro Sánchez-, advertiu da “xeración perdida” de novos que teñen que emigrar” e subliñou a relevancia da “igualdade de oportunidades” que propugnan os socialistas no sistema educativo para a posterior incorporación ao mercado de traballo.
A secretaria de organización dos socialistas galegos defendeu “que calquera persoa que queira estudar poida facelo independentemente dos seus recursos económicos” e asegurou que ela mesma tivo “a oportunidade” de facelo na pública malia que os seus pais “non tivesen recursos como outros” para pagar unha educación privada “porque houbo un PSOE que apostou por ese modelo”. “A xente nova non debe marchar”, remachou.
Mentres, o secretario de Xuventudes Socialistas explicou que a ‘oficina de dereitos perdidos’ “quere denunciar, poñer sobre a mesa e tamén escoitar estudantes e cidadanía as propostas que nos queren transmitir”.
“NINGUÉN ÁS PORTAS”
“Levamos catro anos insistindo no modelo educativo que queremos, no que non quede ninguén ás portas pola súa renda”, incidiu Bouza.
A este respecto, comprometeu por parte do PSOE “as reformas precisas para que todos poidan educarse en igualdade e que non dependa da renda” das súas familias, algo que viu “principio fundamental” para lograr “unha sociedade igualitaria”.











