publicidade hoxe

O programa de dinamización do libro e da lectura ‘Venres nas librarías’ visita A Coruña, Vigo, Ourense, Lalín, Lugo e Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFozLugoOurenseVigo
A-
A+

O programa ‘Venres nas librarías’ estará esta semana nos concellos de Lugo, de Lalín, de Vigo, de Foz, de Ourense e da Coruña con encontros literarios e musicais para lle achegar ao público infantil e adulto as novidades editoriais galegas. Os autores e autoras Lydia Botana, Fran Amil, Miguel Ángel Alonso, Sérgio Tannus, Xosé Duncan, Farruco Graña, Mary Quintero e Fernanda Padín serán desta vez os protagonistas do programa promovido polas consellerías de Cultura e Educación, e de Economía, Emprego e Industria –a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Dirección Xeral de Comercio–, xunto coa Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.

Co obxectivo principal de promover o libro e a lectura, ‘Venres nas librarías’ ofrecerá oito actividades os días 13 e 14 de novembro. Na xornada do venres, o profesor e escritor Farruco Graña presentará na libraría Trama de Lugo, ás 19:30 horas, ‘O soño de Xoán’ (Edicións Embora), unha obra ambientada no Ribadeo do século XVII baseado nas peripecias de Xoán Lourido, un mozo do lugar. Estará acompañado polo editor Miguel Toval.

Lalín será outro dos escenarios o venres. No concello pontevedrés, Xosé Duncan presentará a súa triloxía ‘As crónicas de Bran’ (Urco Editora), nun encontro que terá lugar ás 20:00 horas na libraría Vagalume e no que estará acompañado polos editores Tomás González e David Cortizo. Á mesma hora, en Vigo, a Casa do Libro acollerá a presentación da obra Mary Quintero. Retratista desde os 15 anos (Edicións Xerais), de Mary Quintero e con textos de Fernanda Padín. Xunto coas dúas autoras, participarán no acto o editor Manuel Bragado e Rober Quintero.

Programación infantil para a mañá do sábado

A xente miúda será a protagonista da programación do sábado. Tamén na cidade viguesa, os máis novos terán a oportunidade de se embarcar nunha divertida viaxe musical arredor do mundo da man de Lydia Botana, que presentará a súa obra ‘De aquí para aló’ (Edicións do Cumio) na libraría Andel. Será ás 12:00 horas, xunto co editor Cándido Meixide.

Á mesma hora, a libraría Bahía de Foz e a libraría Vagalume de Lalín acollerán encontros literario-musicais con Fran Amil e con Miguel Ángel Alonso Diz, respectivamente. O primeiro fará gozar os máis pequenos co libro-disco ‘Un conto do revés’ (Galaxia), mentres que o segundo ofrecerá unha mañá de conto a través das súas obras ‘O valente coello que quixo soñar’, ‘A nena á que non deixaban ser feliz’ e ‘O soño de Esther’ (Nova Galicia Edicións).

A programación do sábado complétase na libraría Suévia da Coruña, onde Sérgio Tannus presentará ás 12:30 horas o seu libro-disco ‘Alegría!’ (Editorial Galaxia). Tamén ás 12:30 horas, As Maimiñas –Lucía Lago e Irene Álvarez– ofrecerán na libraría Káthedra de Ourense un pequeno concerto para presentar a súa obra ‘Unha viaxe polo mundo’ (Editorial Galaxia), coa que farán viaxar os nenos e nenas a través da música.

Máis de 80 encontros literarios

Desde a súa posta en marcha o pasado 2 de outubro e ata o 28 de novembro, ‘Venres nas librarías’ ofrecerá máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos, que se realizarán semanalmente os venres e os sábados. A programación desta segunda edición, na que participan Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora, completarase con novas actividades que se desenvolverán en 2016, durante os meses de febreiro e de marzo.

As librarías, punto de encontro

Un total de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– son o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras, e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas.

Concursos nas redes sociais

Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguen ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso Andel do agasallo. Cada semana, as persoas que participan deben adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a falar. O lector ou lectora que o acerta leva de agasallo ese novo título editorial. O concurso realízase a través das contas de Twitter @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e de Facebook www.facebook.com/CulturaGalegaXunta.

12 de novembro de 2015 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.