O presidente da Xunta participa no xantar-coloquio de AJE Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Intervención do presidente da Xunta. Foto: A. Varela

Intervención do presidente da Xunta. Foto: A. Varela

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe durante a súa intervención no xantar-coloquio con AJE Ourense, que facer as cousas ben e a tempo é o que permite agora adoptar novas medidas de apoio aos emprendedores e eliminar o imposto de sucesións.

Asegurou, así, que política e empresa teñen en común que non son ciencias exactas, senón que ambas as dúas traballan coa realidade. E por iso, tanto o emprendedor como o político teñen que aprender a anticiparse. “O emprendedor que non o faga, condenará a súa empresa a ser unha estrela fugaz. O político que non actúe así, estará traizoando ao seu país”, dixo.

Nese sentido, o presidente da Xunta destacou que Galicia está iniciando o camiño da recuperación, que logo de oito anos de recesión “estamos logrando independizarnos da crise”, e que o principal desafío que afronta agora o Goberno galego é o de facer do noso país un lugar estable, previsible, integrado e artellado.

Ao fío disto, Feijóo recordou que o paro en Galicia leva 24 meses consecutivos descendendo, -hoxe temos 63.000 parados menos-, e que a nosa comunidade acumula sete trimestres seguidos de crecemento económico. Datos que son igualmente positivos no caso das exportacións, engadiu, que ata setembro foron un 4,4% superiores ás de 2014.

Apoio aos emprendedores

Por outra banda, o presidente da Xunta subliñou que ter feito as cousas ben e a tempo permite agora despregar un amplo abano de medidas que lle fan ver aos emprendedores que nunca camiñarán sós. Nese senso, fixo referencia á Lei de emprendemento e da competitividade económica, loubada por introducir avances na modernización administrativa e numerosos incentivos fiscais.

Ademais, Feijóo mencionou tamén o programa de préstamos directos Jeremie, as axudas a fondo perdido a pemes, ou as distintas axudas para o establecemento como autónomo ou por conta propia que se impulsaron nos últimos anos.

Unhas actuacións que, tal e como recordou o presidente do Goberno galego, terán continuidade no ano 2016, con medidas de apoio aos emprendedores que inclúen a maior rebaixa fiscal de impostos da historia de Galicia: coa redución do IRPF, a eliminación do Imposto de sucesións para o 99% dos galegos e imposto cero no rural ou a 3ª edición do Programa Conecta Peme. Así como a achega de 40 millóns de euros a programas de emprendemento, traballo autónomo, cooperativas e sociedades laborais.

Finalmente, Feijóo sinalou que Galicia, como conxunto formado pola sociedade, polos traballadores, empresas, investigadores e administracións, sementou nestes últimos anos responsabilidade, unidade, rigor e perseveranza. “En Galicia sabemos que os símbolos e identidades serven para agrupar e non para dividir” engadiu.

20 de novembro de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.