O prazo de solicitude das axudas para actividades das ANPAS está aberto durante o mes de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames aprobou as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS dos centros educativos amesáns ao longo do exercicio 2015. A contía máxima destinada a esta convocatoria de axudas ascende a 20.000 euros, polo que se incrementou a partida en 1.500 euros respecto ao 2014. A través destas achegas poderanse sufragar ata un máximo do 70% das saídas culturais ou das actividades extraescolares, que levan a cabo estas asociacións. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de novembro. O concelleiro de Educación e Cultura reunirase mañá, venres 6 de novembro, cos representantes das ANPAS dos centros de ensino público de Ames, para informalos do proceso de elaboración do mapa escolar de necesidades educativas e da creación do observatorio municipal de educación.

As solicitudes deberán presentaranse no rexistro xeral do Concello de Ames ou en calquera outro rexistro público. O prazo para presentar as solicitudes nesta convocatoria de axudas estará aberto ata o luns 30 de novembro de 2015. As bases desta liña de subvencións xa saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse nas dependencias do departamento de Educación. En caso de solicitar achega para varias actividades, deberá encherse un modelo de solicitude para cada unha delas.

O obxectivo principal desta convocatoria de axudas é enriquecer a formación da poboación escolar do Concello de Ames, a través do desenvolvemento de actividades coas que complementen a formación regrada que reciben nos centros educativos. Ademais, búscase promover a convivencia da poboación escolar fóra do ámbito puramente académico e propiciar a mellora do rendemento por parte dos alumnos/as.

A través destas axudas as ANPAS poderán sufragar ata un máximo do 70% dos gastos que lle supoñan as saídas culturais ou as actividades extraescolares que realizan ao longo do curso escolar. Consideraranse saídas culturais aquelas que inclúan no seu desenvolvemento a visita a lugares ou a asistencia a eventos de carácter histórico ou artístico. As actividades extraescolares serán aquelas que se desenvolvan con carácter estable ao longo dun período similar ao do curso escolar. Estas actividades deberán estar dirixidas ao alumnado do centro de ensino que solicita a axuda.

A estas axudas poderán optar as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar os 4.000 euros.

Reunión do concelleiro de Educación coas ANPAS

O concelleiro de Educación e Cultura reunirase mañá, venres 6 de novembro, cos representantes das ANPAS dos centros de ensino público de Ames, para informalos de que está aberto o prazo para participar nesta convocatoria de axudas e para presentar as solicitudes á convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar, que está dirixida ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil.

Principalmente, esta xuntanza convocouse co fin de amosarlles a proposta de traballo que están elaborando na Universidade de Santiago de Compostela sobre o mapa escolar de necesidades educativas. Trátase dunha ferramentas de planificación con datos demográficos, cartografía e división por zonas para valorar a ampliación ou construción de novos centros de ensino. Así, o Concello dotaríase cunha ferramenta para coñecer as necesidades de ampliación de cada un dos centros de ensino.

Ademais, falarase da posta en marcha do observatorio municipal de educación como órgano consultivo e de participación. Este observatorio estará composto polas ANPAS, os directores e directoras dos centros públicos de ensino, representación do alumnado, o goberno municipal, os grupos políticos municipais da oposición, e expertos en materia educativa, entre outros membros. 

5 de novembro de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.