O Porto acepta negociar co Concello da Coruña un novo convenio para a transformación dos ámbitos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo
A Autoridade Portuaria aprobou na mañá deste mércores o seu Plan de Empresa para o ano 2016, que recolle a redacción dun novo convenio relativo a transformación dos ámbitos urbanístico dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo e que se redactará, tal e como solicitaba o Goberno municipal, negociado co Concello. Este foi un dos puntos que se abordaron durante o Consello de Administración do ente portuario celebrado hoxe, no que estivo presente o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e onde tamén se anunciou a enaxenación do hotel Finisterre e do peirao de Calvo Sotelo, cos que o porto prevé uns ingresos totais de 20 millóns de euros entre 2017 e 2018.
O novo convenio terá por obxecto a modificación das condicións pactadas no 2004 entre o daquela goberno municipal e Fomento para a urbanización dos peiraos interiores da cidade, co fin de financiar as obras do porto exterior de Punta Langosteira. Segundo destaca o responsable municipal, a decisión adoptada hoxe reforza o posicionamento do actual Goberno coruñés, que viña demandando ter toda a información sobre o Plan Económico da Autoridade Portuaria, e tamén o Plan de Empresa deseñado co obxectivo de reducir a súa débeda, para poder avaliar a viabilidade da venda dos terreos portuarios e as alternativas. Como subliña, o Concello sempre apostou pola colaboración das administracións implicadas para buscar “unha solución conxunta para o financiamento do Porto Exterior”. Esta mesma fin de semana, o alcalde, Xulio Ferreiro, subliñaba o interese do Goberno municipal polo bo funcionamento do porto como parte importante da cidade, rexeitando non obstante recorrer “a ideas urbanísticas de hai dez anos”, ou “hipotecar a cidade” para financiar a débeda do ente portuario.











