O Pleno municipal da Coruña aprobará unha proposta para emendar os orzamentos da Xunta en cuestións como o CHUAC, Santa Lucía ou a Ría do Burgo
O Pleno municipal do Concello da Coruña, que se celebrará o próximo luns 9 de novembro, dará luz verde previsiblemente a unha iniciativa do grupo de Goberno que pasa por presentar unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2016, á fin de acadar “maiores investimentos” en asuntos estratéxicos para a cidadanía, como é o caso do saneamento da Ría do Burgo, o CHUAC, o aeroporto de Alvedro ou a estación Intermodal, entre outros. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Xulio Ferreiro, tras a reunión da Xunta de Portavoces. “Rematada a comisión de voceiros e voceiras, onde se presentou unha proposta de acordo para que a corporación introduza emendas aos presupostos autonómicos que logo sexa remitida aos partidos con presencia no Parlamento de Galicia”, explicou o primeiro edil.
O rexedor puntualizou que, se ben a proposta xa conta coa maioría necesaria para saír adianteao ter o voto favorable do PSOEo grupo municipal do BNG podería acabar tamén apoiándoa. “Na comisión abstívose, pero parece que hai posibilidade de que a suscriban, xa que se incluíu unha mención ao CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria) de Novo Mesoiro, para que nos orzamentos da Xunta conste como CPI e, polo tanto, imparta tamén ESO, é dicir, todo o ensino obrigatorio”, comentou. “Cremos que é unha necesidade do barrio”, indicou Ferreiro.
Se, como se prevé, o acordo para emendar os orzamentos autonómicos sae adiante en Pleno, deberá ser executado polo alcalde, e as propostas serán trasladadas a todos os grupos do Parlamento de Galicia “para que, dentro da súa autonomía, as incorporen como estimen pertinente nas súas emendas”. “Tamén se estableceu expresamente na proposta de acordo que os portavoces municipais poden e deben trasladar as emendas aos seus grupos parlamentarios homólogos”, destacou Ferreiro.
O grupo de Goberno entende que os orzamentos da Xunta de Galicia “non garanten os investimentos necesarios para A Coruña en asuntos de especial trascendencia como son, entre outros, as dotacións sanitarias tanto para a continuidade do Plan Director do CHUAC como para a construción do centro de saúde de Santa Lucía,
a mobilidade, no proxecto da estación Intermodal e nun sistema aeroportuario “coordinado, integrado e equilibrado” que integre as tres terminais galegas. O mesmo ocorre con outras actuacións como o saneamento da Ría do Burgo, as partidas destinadas á promoción de vivenda pública, “onde se fai necesaria unha maior aportación e concreción orzamentaria e a súa distribución municipal en relación coa transferencia de capital aos concellos dos plans asociados aos distintos programas de vivenda”, ou a potenciación do Consorcio de Promoción da Música –e nomeadamente a da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG)– ou das actividades do Instituto Feiral que, como se fai notar na proposta, adoece dun plan de acción xenérico e falto de concreción e sen a correspondente dotación orzamentaria para acadar os seus obxectivos, como son “a dinamización da da economía, o crecemento e o emprego, así como potenciar a competitividade e fomentar a innovación e a dinamización do comercio galego”.
En relación co Plan Director do CHUAC, o Goberno local considera que a dotación orzamentaria de investimento, de 2,97 millóns de euros para o próximo ano e sen dotación plurianual máis aló, “deixa na incertidume a continuidade dos investimentos necesarios para a terceira fase das obras”, que contempla dous novos bloques e un aparcadoiro nas Xubias.
En canto ao proxecto para transformar a estación ferroviaria de San Cristóbal nunha estación intermodal que conxunte o AVE e o servizo de cercanías co transporte urbano, metropolitano e de longa distancia por autobús, a proposta de acordo salienta que a previsión orzamentaria, “tanto na súa contía global como na súa desagregación plurianual, limita e reduce o obxectivo estratéxico e vital da súa execución, máis cedo que tarde”. Tamén no eido da mobilidade, o documento alerta da aposta da Xunta “por un sistema aeroportuario asimétrico e desigual, onde Alvedro queda destinado a unha función de conexión interna estatal”.
O Executivo coruñés tamén solicita que nos presupostos da Xunta para este ano que a Administración autonómica contemple partidas específicas para o saneamento integral da Ría do Burgo, cousa que na actualidade non aparece reflectido.
Igualmente, o Goberno da Coruña considera “notoriamente insuficiente” a previsión orzamentaria da Xunta de 2,1 millóns de euros para o Consorcio para a Promoción da Música, tendo en conta os obxectivos de potenciación deste órgano e, especialmente, da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG), ademais do feito de que a aportación do Goberno municipal é de 3,1 millóns.
A proposta de acordo tamén fai fincapé nas previsións orzamentarias que a Xunta ten destinadas ao Instituto Feiral da Coruña nos seguintes anos (a subvención/transferencia corrente da Consellería de Economía e Emprego é de só 15.000 euros). “O incremento das transferencias podería e debería posibilitar a execución das accións necesarias para a súa dinamización”, sostén o Goberno local.











