O pleno da Deputación da Coruña insta a Xunta e Goberno Central a executar o sanemento da ría do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción, co voto favorable de PSOE, BNG, PP, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e a abstención do Grupo de Marea Atlántica, instando á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a executar o saneamento da ría do Burgo. No texto destácase que “pese a súa riqueza marisqueira, a ría do Burgo atópase nunha situación de grande deterioro medioambiental” e sinálase que esa degradación “ten consecuencias directas no ámbito socioeconómico” da comarca.

Neste sentido, ínstase á Xunta a licitar e executar “o máis pronto posible” as obras do tanque de tormentas de Santa Cruz (Oleiros) e o bombeo do Temple (Cambre), por importe de 6,6 millóns de euros, que están incluidas no Plan de saneamento da ría. Tamén se insta ao Goberno Central a licitar en 2016 o dragado ambiental dos sedimentos, así como a implementar “unha liña de axudas económicas destinadas ao sector marisqueiro” que realiza a súa actividade na ría para compensalo pola paralización do seu traballo mentres duren as actuacións de limpeza.

O texto aprobado hoxe solicita tamén aos concellos da zona a súa implicación na rexeneración da ría, “abordando as obras necesarias nas respectivas redes municipais para solucionar as incidencias detectadas nos últimos estudos realizados pola Xunta”.

O pleno aprobou tamén unha declaración institucional, asinada por todos os grupos políticos, en apoio ás reclamacións de pagamento das pensións dos mariñeiros embarcados na frota de Noruega e unha moción de PSOE e BNG en apoio aos afectados polas recentes inundacións dos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf (Alxeria).

Tras retirar algunhas partes do articulado e introducir cambios na redacción do texto orixinal dunha moción presentada polo Grupo de Compostela Aberta sobre a recuperación da memoria histórica, aprobouse co voto favorable de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e a abstención do PP que a Deputación “colaborará” co resto de administracións nas cuestións que teñen que ver coa dignificación das vítimas da Guerra Civil e a ditadura franquista. O texto insta a Xunta e Administración Xeral do Estado a “asumir o seu deber moral e legal” no referente á localización, exhumación e identificación das vítimas.

Este pleno foi o de despedida do expresidente da Deputación e ata hoxe portavoz do Grupo Provincial Popular, Diego Calvo, que agradeceu a colaboración dos deputados e os funcionarios da institución provincial durante estes anos. Pola súa banda, González Formoso expresoulle os seus mellores desexos no seu novo cometido como delegado territorial da Xunta na Coruña.

1,7 millóns de investimentos en estradas

O pleno da Deputación aprobou ademáis investimentos en estradas provinciais dos concellos de Sada, Carballo, Pontedeume, Trazo e Irixoa por importe de máis de 1,7 millóns de euros.

En concreto, a Deputación destinará 166.855,61 euros para a reparación e reforzo do firme nun tramo de dous quilómetros da estrada DP5802 que vai de Meirás (Sada) ao Porto de Santa Cruz; 447.788,84 euros para a mellora nun tramo de 11 quilómetros da estrada DP 1914 de Carballo a Portomouro, que incluirá a limpeza de ambas marxes do vial, a reposición da capa de rodadura e a reposición da sinalización horizontal.

En Pontedeume aprobáronse investimentos para o reforzo do firme en dous tramos da estrada DP4803 que se atopan deteriorados debido á recente execución das obras dunhas beirarrúas na zona de Boebre. Aos 812.000 euros xa investidos na construción da travesía súmanse agora outros 313.384 para a reposición do firme. Tamén se deu luz verde ao proxecto de mellora da estrada DP 6902 que da acceso ás Fragas do Eume na parroquia de Ombre, por importe de 92.309 euros.

Outros investimentos en estradas provinciais aprobados hoxe corresponden ás obras de mellora da capa de rodadura da DP8401 Tablilla a Agromaestre, no concello de Trazo, por importe de 433.087 euros a pavimentación dos tres primeiros quilómetros da DP 3902 en Irixoa, por importe de 259.474,22 euros.

Durante a sesión plenaria celebrada hoxe aprobouse tamén a modificación da ordenanza xeral da administración electrónica da Deputación da Coruña que permitirá que a institución provincial se sume ao dominio .gal. Así, a identificación dixital dicoruna.es pasará a ser dacoruna.gal para a páxina web, o correo electrónico e a sede dixital da Deputación, espazo a través do que se desenvolven as tramitacións administrativas.

Convenios culturais

O pleno da Deputación deu luz verde a diversos convenios con entidades e concellos en materia deportiva, cultural, e de servizos sociais. Entre elas, os convenios para o financiamento das actividades da Real Academia Galega (30.000 euros, nos que inclúe o financiamento de bolsas de estudo), a Fundación Ortegalia, que recibirá 55.000 euros para o financiamento de exposicións, visitas guiadas, ciclos de conferencias e traballos de investigación, ou a Fundación Rosalía de Castro.

O Centro Arqueolóxico do Barbanza, ubicado no concello de Boiro percibirá tamén unha achega de 20.000 euros para o financiamento das súas actividades durante o presente ano e o Concello de Mesía 46.554 para o mantemento da Aula da Natureza e o Museo Etnográfico das Brañas de Valga.

6 de novembro de 2015 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.