O Pleno da Coruña dá luz verde á modificación das ordenanzas fiscais que propón o Goberno local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Pleno ordinario do Concello da Coruña deu luz verde esta tarde a aprobación inicial da modificación das Ordenanzas Fiscais para o exercicio 2016, así como as Ordenanzas de Prezos Públicos. O alcalde, Xulio Ferreiro, destacou que coa posta en marcha destes novos tramos de tributación, o Executivo busca unha “distribución máis xusta da carga tributaria local”. A ese fin, o Goberno coruñés introduce progresividade nas tarifas sempre que é posible –as modificacións fanse dentro do estreito marxe que permite o Real Decreto 2/2004 polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais–, incrementa as bonificacións até os máximos legais permitidos para persoas e familias con menores niveis de renda e en risco de exclusión social, e inclúe medidas de estímulo á actividade económica e ao emprego. A iniciativa saíu adiante cos apoios do grupo de Goberno e PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP.

“Estas ordenanzas chegaron aquí tras un proceso de diálogo con todos os grupos, como paso previo á elaboración dos orzamentos municipais para o próximo ano. Con carácter xeral, esta modificación das ordenanzas fiscais están baseadas na equidade, a progresividade e a sustentabilidade ambiental”, indicou o rexedor. “Para a maioría da cidadanía significarán unha reducción da presión fiscal, e ademais se introducen novos criterios que axudarán especialmente aos veciños e veciñas en risco de exclusión social e que potencia a vivenda pública”, destacou Ferreiro.

“A realidade é que estas modificacións das ordenanzas fiscais da Coruña baixan a presión fiscal para a maioría da cidadanía. Só hai que facer os números, xa que as matemáticas soen gañar fronte a demagoxia. Isto vén a paliar a subida xeneralizada de impostos que levou a cabo o PP, fose no concello, a través da taxa da auga, ou nas outras administracións nas que gobernaba. Non só queremos baixar a carga fiscal á veciñanza, senón tamén repartir esta carga mellor, de forma progresiva”, explicou o primeiro edil da Coruña.

“Que as grandes empresas, con altos ingresos, tributen un pouco máis non creo que sexa meterlles a man no peto, e pola contra, axuda moitísimo a aliviar as cargas dos que menos teñen nesta cidade. Hai unha clara función social nestas ordenanzas e unha redistribución máis ética e xusta. Iso é o que din os números, e o resto son ocorrencias de venres para luns”, explicou o alcalde, en resposta ás críticas do grupo popular, que solicitaba agora unha baixada no Imposto de Bens Inmobles (IBI) “cando nunca levaron iso no seu programa electoral e cando saben que, nestes momentos, o Concello non o pode asumir”, dixo, á vez que recordou que este gravamen quedará conxelado. “O seu partido foi o que subiu o IBI, así como moitos impostos máis”, recordou. O Pleno rexeitou cos votos en contra do grupo de Goberno e do PSOE, e a abstención do BNG as emendas presentadas polos populares.

A modificación das ordenanzas fiscais atinxe aos impostos e taxas municipais de maior relevancia, así como a outras menos significativas no plano económico, pero de grande relevancia social, como os prezos públicos de matrimonios civís, o de uso de hortas urbanas, que se suprimen na súa totalidade, así como a taxa de decomisos. Dentro das modificacións cóntase tamén o aumento do 100% da taxa de caixeiros automáticos, que pasa dos 210 aos 420 euros por caixeiro e ano.

Imposto de Bens Inmobles (IBI)

Entre as medidas que se introducen no IBI está a conxelación dos tipos impositivos aplicables, tanto a bens inmobles rústicos como os de natureza urbana, que se manteñen no 0,6%, e a modificación do tipo aplicable aos grupos de aeroportos e portos comerciais dentro dos Bens Inmobles de Características Especiais (BICES) ata o 1,3% e igualalo ao tipo que se aplica ao resto de BICES da cidade, unha medida coa que se prevé aumentar a recadación en 1.011.000 euros. A lonxa e as empresas pesqueiras poderán beneficiarse dunha bonificación do 50% da cota do IBI que compensará o incremento deste imposto neste caso.

Neste mesmo apartado increméntase a bonificación para familias numerosas ata o máximo legal permitido do 90% da cota íntegra –coa ordenanza vixente a bonificación máxima era do 60% para familias con oito ou máis fillos e fillas–, facéndoa progresiva en función da renda e non do número de descendentes. O documento establece para 2016 catro tramos en función da renda familiar neta, de xeito que a bonificación do 90% atinxe a familias numerosas cunha renda neta per capita inferior ou igual ao IPREM (o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, que é o índice de referencia para a asignación de axudas e subsidios en función dos ingresos); a bonificación do 70% concédese en familias numerosas con rendas per capita inferiores ao 1,5 do IPREM; bonificación do 50% para familias numerosas con rendas per capita de ata dúas veces do IPREM e bonificación do 20% para o resto de familias numerosas cunha renda neta per capita que superen dúas veces o IPREM.

Tamén, en relación ao IBI, a modificación das ordenanzas fiscais estende a bonificación do 50% (o máximo legal permitido) para vivendas de protección oficial dos cinco aos sete anos, e incrementa o recargo para vivendas baleiras, do 25% ao 50%, o máximo que permite a Lei. Neste punto, o Goberno local sinala que, dado que a aplicación deste recargo esixe do desenvolvemento legal do que se entende por “vivendas desocupadas con carácter permanente” (competencia allea ao Concello) e a elaboración dun censo a este respecto, esixirá á Xunta e ao Goberno central que adopten as medidas lexislativas necesarias. “É un chamamento á Xunta para que regule o que ten que regular e defina o que se entende por vivenda baleira, algo que leva anos sen facer, e, dese xeito, nos dea un alivio aos concellos para poder ter algo máis de ingresos nun momento difícil; pero, sobre todo, mande unha mensaxe, porque no estado de dificultade de acceso á vivenda, de emerxencia social, que temos non pode haber vivenda baleira que non se poña a disposición das persoas que o necesiten”, expuxo o rexedor.

Por último, contémplase unha rebaixa da bonificación obrigatoria para os inmobles que constitúan o obxecto da actividade de empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria, que pasa do 90% ao 50%.

Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (o IVTM)

Na proposta aprobada en Pleno o Goberno local introduce na ordenanza que regula o IVTM certa progresividade na tarifa en función da potencia fiscal dos vehículos (respectando os tramos e límites establecidos pola norma estatal) e incrementos nas bonificacións para vehículos con emisións cero ou baixo nivel de emisións, como os híbridos, eléctricos e aqueles vehículos que empreguen combustibles non convencionais (biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidróxeno e GLP, e mixtos), ata o máximo legal permitido, de xeito que pasan do 50% ao 75% con carácter indefinido, para emisións cero ou vehículos totalmente eléctricos.

A modificación desta ordenanza fiscal establece unha rebaixa no coeficiente para turismos, ciclomotores e motocicletas comprendidos nos tramos de potencia máis baixos (menos de 8 cabalos fiscais os turismos e 125 CC no resto), que pasan do coeficiente 1,784 ao 1,5, e propón o mantemento dos coeficientes dos tramos medios de potencia (de 8 a 15,99 cabalos fiscais e de 125 a 500 CC en motocicletas) e dos coeficientes que se aplican a autobuses, camións, tractores, remolques e semirremolques. A previsión é que estes cambios impliquen un aumento da recadación duns 55.000 euros.

Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO)

Na ordenanza fiscal reguladora do ICIO, a proposta marca modificacións que inclúen unha bonificación do 50% da cota para vivendas de protección oficial e unha bonificación do 70% da cota, con límite de 2000 euros, para persoas emprendedoras que xeren emprego na cidade.

Taxas e Prezos Públicos

En canto ás taxas e prezos públicos, na ordenanza que regula a Taxa por Subministro e Utilización da Auga Potable para o termo municipal coruñés, a proposta debatida en Pleno contempla unha serie de modificacións, que pasan por unha rebaixa nas tarifas da auga para usos domésticos, tanto na cota fixa, que se reduce nun 13,1%, ao pasar dos 5,76 aos 5 euros ao mes, afectando a 147.333 vivendas, así como no tramo de menor consumo na cota variable (ata 6 metros cúbicos ao mes), que se reduce nun 20%, ao pasar do 0,1693 euros por metro cúbico a 0,13544 euros. Increméntase a cota variable para grandes consumidores nun 10% a partir de 200 metros cúbicos ó mes. Estas modificacións supoñen unha redución da presión fiscal na taxa da auga por un importe de 1,260 millóns de euros.

Tamén se introducen medidas de carácter social na taxa da auga, ao establecerse unha cota cero para as persoas beneficiarias da Risga (ou axudas públicas de protección equiparables), e unha redución do 75% na cota tributaria para as familias cunha renda neta inferior ao igual ao IPREM, e dun 50% para familias con renda inferior a 1,5 veces o IPREM.

Por razóns ambientais, inclúese tamén un novo tramo de tarifa para grandes consumidores de auga en usos non domésticos: os consumos de máis de 200 metros cúbicos ao mes tributarán a 0,7118 euros por metro cúbico, o que representa unha suba do 10% sobre o tramo de consumo inmediatamente anterior, o máximo na tarifa vixente. Segundo os datos que manexa a Empresa Municipal de Augas, Emalcsa, esta modificación afectará a 4.260.000 metros cúbicos de auga, e suporá un incremento da recadación de 276.000 euros.

Outras ordenanzas que se modificarán son a reguladora da Taxa pola Ocupación de Terreos de Uso Público Local con Depósitos e Aparellos Distribuidores, dentro da que se recolle o aumento do 100% na taxa aplicable aos caixeiros automáticos, ata os 420 euros por caixeiro e ano. Na Taxa de Cemiterios Municipais, a proposta de modificación rebaixa nun 10% a taxa aplicable ás transmisións intervivos de sepulturas subterráneas, nichos e cinceiros. Na taxa que regula o Outorgamento de Licenzas ou Autorizacións para Industrias de Rúa ou Ambulantes suprímese a taxa de decomisos, e o mesmo ocorre co prezo público aplicable as vodas civís (na normativa actual a taxa é de 125 euros por matrimonio civil) e o de uso de hortas urbanas de titularidade municipal, reguladas na Ordenanza sobre o Prezo Público por Prestación de Servizos e Utilización de Instalacións Culturais, Educativas, de Ocio ou Análogas de Titularidade Municipal, na que pasa a establecerse a gratuidade por estes dous conceptos.

9 de novembro de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.