publicidade hoxe

O Pazo de Mella acollerá a semana próxima a cea benéfica contra o cancro promovida pola AECC Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreCarral
A-
A+

Pazo de Mella –complexo situado no municipio coruñés de Cambre- renova o seu compromiso solidario contra o cancro e acolle, por terceiro ano consecutivo, a tradicional cea benéfica para recadar fondos a favor da xunta local da AECC de Carral co obxectivo de que se destinen a fomentar accións de prevención e concienciación contra a enfermidade, na comarca.

A cea solidaria está promovida pola xunta local de Carral da Asociación Española contra o Cancro e terá lugar no comedor principal de Pazo de Mella o vindeiro sábado 14 de novembro a partir das 22,00 horas. Os organizadores confían en superar a afluencia de anos anteriores e reunir nesta cita a máis de 300 persoas.

Para logralo, a AECC de Carral quere efectuar un chamamento a todos os veciños da zona para que se impliquen e participen nesta acción benéfica. O prezo por cuberto quedou fixado en 40 euros e os interesados en acudir á cita poden adquirir as súas entradas no local de INSTELGA de Carral, na Casa da Cultura do municipio ou a través dos membros da xunta local da AECC.

RSC en Pazo de Mella

Xunto a Pazo de Mella, apoian a iniciativa diferentes empresas cuxa actividade está relacionada coa celebración de eventos, tales como a empresa de catering Josmaga; Discomóvil Party (dedicada a ofrecer servizos profesionais de música e DJs para vodas e outras celebracións); a floraría Richar del Toro  ou o estudo de fotografía Emovere.

Pazo de Mella é un complexo inaugurado en 2013 no lugar de Santa María de Viso (Cambre) que se converteu nun centro de referencia na área metropolitana da Coruña para acoller a celebración de eventos de diverso tipo e congresos e que tamén destina unha parte das súas instalacións ao turismo vacacional.

O Pazo estableceu unhas liñas de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) no marco do seu plan de desenvolvemento empresarial, entre as cales a da loita contra o cancro posúe un papel fundamental. Nesta liña, Pazo de Mella acolleu o ano pasado a iniciativa solidaria Cociñeiras con Estrela Fronte ao Cancro de Mama, impulsada pola AECC da Coruña. Ademais, as súas instalacións tamén albergaron xa diferentes ceas benéficas para recadar fondos contra esta enfermidade. 

6 de novembro de 2015 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.