O Pazo de Liñares acollerá o domingo “O encontro dos axóuxeres”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Espazo Liñares Museo Galego da Marioneta acolle o domingo, día 8 de novembro ás 18.30 horas, “O encontro dos axóuxeres”, unha actividade lúdica organizada pola Rede de Dinamización Lingüística á que pertence o Concello de Lalín.

Os Axóuxeres son o encontro da xente miúda da casa co teatro, coa música en directo… coa lingua de noso. Cada Encontro dos Axóuxeres, de aproximadamente 40 minutos de duración, foi creado para ofrecerlles aos bebés e cativos de ata 6 anos un espazo onde desfrutar e onde abrirse ao mundo en galego , unha experiencia sensorial e lingüística que lles permitirá aprender e levar para a casa divertidas cancións e xogos.

Desta volta, os nenos e nenas viaxarán ao fondo do mar coa protagonista, Mariña,e o seu peixiño, a quen seguirán nunha aventura teatral, musical e lúdica que os achegará a valores como a ecoloxía ou a amizade. Da man da compañía de teatro Elefante Elegante, a xira dos Axóuxeres 2015 percorrerá 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística entre setembro e novembro.

A actividade é de balde e aconséllase formalizar a inscrición no teléfono 697 363 089 de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 horas.

5 de novembro de 2015 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.