O Pazo da Peregrina acolle este xoves unha mesa informativa sobre o sector lácteo galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación e Cultura, organizou para este xoves 19 de novembro, ás 19:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, unha mesa informativa con representantes implicados no sector lácteo e gandeiro galego, onde se falará da situación actual deste sector. Nesta mesa informativa participarán Carmen Rey, xefa de recursos leiteiros de Feiraco, Manolo Dacal, integrante da Federación Rural Galega, Alberte Lamazares, xove gandeiro, e Edelmiro López Iglesias, profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

O sector lácteo galego representa a columna vertebral da economía da inmensa maioría  das comarcas de Galiza, estamos entre as dez primeiras potencias produtoras de leite da Unión Europea, pero a supervivencia deste sector está en perigo. Miles de explotacións  no noso país están sometidas a unhas regras de mercados inxustas e degradantes. Isto tradúcese en que contamos cos prezos de orixe máis baixos de toda Europa, e obriga aos nosos gandeiros e gandeiras a vender por debaixo do prezos de produción.

Con motivo da exposición fotográfica do artista Paco Rocha, Retratos na Roda, que está exposta no Pazo da Peregrina, a concellaría de Educación e Cultura organizou esta charla-coloquio para darlle voz a cada un dos retratos que recolle esta mostra. A través desta exposición fotográfica, que foi inaugurada o pasado luns 16 de novembro, faise unha homenaxe a aqueles gandeiros e gandeiras que se sumaron ás mobilización do sector gandeiro do pasado mes de setembro. 

A charla-coloquio que se desenvolverá xirará arredor da exposición Retratos na Roda: O futuro do sector lácteo galego. Deste xeito, analizarase desde diferentes perspectivas a actualidade deste sector no noso país, coas nosas debilidades e as nosas fortalezas.   

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “un grupo de catro persoas dará a súa opinión desde puntos moi distintos, pero sempre co mesmo obxectivo que é devolverlle aos agricultores a dignidade que lle corresponde polo seu esforzo e o seu traballo. Nesta mesa informativa contaremos coa xefa de recursos leiteiros dunha gran cooperativa da nosa comarca como é Feiraco, cun xove gandeiro que quere vivir dignamente deste sector, cun integrante da Federación Rural Galega, a cun profesor experto nesta materia”. 

Exposición fotográfica

Cómpre lembrar que a exposición fotográfica Retratos na Roda, de Paco Rocha, estará exposta no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ata o día 30 de novembro. Esta mostra recolle o retrato de 15 homes que participaron nas protestas do sector lácteo galego. A través desta exposición o autor pretende facer unha homenaxe aos gandeiros e gandeiras e solidarizarse co sector. A mostra pode visitarse de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 a 20:00 horas pola tarde.

 

18 de novembro de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.