O Pazo da Cultura acollerá o Encontro Informativo do traballo das concellerías de Narón
O Pazo da Cultura acollerá mañá un Encontro Informativo do traballo das concellerías de Narón. A cita, na que participarán todos os representantes do equipo de goberno, co alcalde, José Manuel Blanco, á cabeza, comezará ás 19.15 horas, cunha presentación do traballo realizado e o previsto para o ano 2016 desde as trece áreas do goberno local. A continuación, sobre as 20.15 horas, iniciarase un turno de preguntas e suxerencias no que poderán participar todos os asistentes ao acto, aberto ao público en xeral, para proceder á clausura da convocatoria sobre as 21.00 horas.
As intervencións dos concelleiros naroneses para explicar o traballo de cada área terán unha duración aproximada de tres minutos, se ben os grupos políticos da oposición disporán tamén de dous minutos para dirixirse aos asistentes e explicarlles a súa labor no Concello, tal e como se lles anunciou.
As asociacións do municipio recibiron hai unhas semanas unha invitación a esta convocatoria, estando confirmada a asistencia de varios representantes das mesmas. A maiores, acudirán veciños e veciñas a título individual e tamén alumnado e un mestre do colexio Santiago Apóstol de Narón, que participarán activamente na convocatoria a través da Escola de Participación Cidadá. Así mesmo, confirmaron a súa asistencia a este Encontro informativo di traballo das concellerías de Narón edís do Grupo de Traballo de Participación Cidadá da comarca.











