O Partido Popular esixe unha comisión de investigación no Concello de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O Partido Popular de Pontevedra insistiu este xoves na necesidade dunha Comisión de investigación no Concello de Pontevedra por mor da investigación aberta no marco da Operación Pokémon, porque, asegura, “son moitos os conflitos que ten aberto en goberno local nos xulgados”.

Nunha rolda de prensa convocada con carácter urxente, o portavoz local do PP, Jacobo Moreira lembrou que a do mércores non é a primeira ocasión na que se realizaron rexistros no Concello de Pontevedra. “O pasado ano, o goberno de Lores foi obxecto doutro rexistro xudicial enmarcado dentro da Operación Patos”, declarou.

Ademais, o Xulgado de Instrución número 2 aceptou a trámite a denuncia realizada polo fiscal provincial de Pontevedra en relación aos contratos realizados coa empresa Elsamex. Jacobo Moreira engadiu tamén a investigación ao Concello polo contrato relativo á iluminación pública nos accesos á cidade.

Por iso, os populares consideran que “fai falta que expliquen que é o que está a pasar no Concello dos pontevedreses”.

INFORMACIÓN

Pola súa banda, o goberno local anunciou unha convocatoria da xunta de persoal para informar os traballadores de todas as novidades relativas a esta investigación.

O concelleiro de Réxime Interior do Concello de Pontevedra, Vicente García Legísima, compareceu para falar da información remitida ao Xulgado de instrución número 1 de Lugo, e negou, “categoricamente”, que se tratase dun “rexistro”.

Os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) acudiron ao Concello para reclamar, por orde xudicial, documentación relativa á empresa local de transportes Viuda de Cándido e á firma Aquagest, actualmente denominada Viaqua, e que é a concesionaria do servizo municipal de auga.

Segundo explicou, contan coa “total colaboración” por parte do Concello, “aínda que algún órgano xudicial non sexa merecedor de tal colaboración”, apostilou García Legísima, quen destacou que, mesmo, houbo un “exceso de celo” nos traballadores municipais.

O “normal”, segundo o concelleiro nacionalista, sería que se requirise toda a información “con tempo” e se lle remitise “por medio de fotocopias compulsadas”.

En total os axentes da SVA levaron máis de 300 libros, unhas 600 facturas (500 de gastos e 100 de ingresos), e revisáronse máis de 12.000 libros por parte dos funcionarios municipais.

“NON NOS LEVAMOS AO PETO NADA ALLEO”

“Este goberno municipal non ten nada que esconder”, proclamou o concelleiro pontevedrés. “Non nos levamos, nin nos levaremos, ao peto nada alleo”, afirmou, antes de remachar que “seguirán traballando por defender os intereses de todos os pontevedreses”.

García Legísima, que é avogado de profesión, mostrou a súa sorpresa porque neste caso, que cualificou como “falcatruada” -canallada-, o xulgado “está a investigar para ver se se atopa un indicio, e isto non é gratuíto”. Así, insistiu en que “todo isto non só é falso, senón que é mentira”.

O concelleiro nacionalista confesou estar “molesto” porque o auto da xuíza Pilar de Lara “dana mediaticamente, non só aos políticos, senón tamén á institución e aos seus funcionarios”.

Finalmente, García Legísima compartiu unha reflexión persoal, asegurando que, “posiblemente, interese que o BNG, que non está metido en nada, apareza nunha operación deste tipo”. Segundo dixo o edil nacionalista “non van conseguir nada, lamentablemente só farán barullo”.

12 de novembro de 2015 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.