O Partido Popular e Manuel Baltar plantan o pleno no que se pedía a súa reprobación
Os 14 deputados que conforman o Grupo Popular da Deputación de Ourense, incluído o seu presidente, Manuel Baltar, plantaron este martes o pleno extraordinario no que se pedía “reprobar a conduta” e a dimisión do líder provincial do PP, ao que unha muller denunciou ante a Fiscalía por prometer unha praza fixa de emprego a cambio de sexo.
Finalmente, Manuel Baltar accedera o pasado xoves a convocar esta sesión extraordinaria á que non acudiu ningún dirixente popular. En ausencia do presidente, púxose á fronte do pleno o deputado de máis idade, Vicente Gómez, de Castrelo do Val.
No escrito rexistrado este mesmo martes e asinado por todos os deputados populares, comunícase que non participarán “no espectáculo lamentable” no que, ao seu xuízo, pretenden “converter o pleno” da institución os grupos minoritarios ao debater “sobre unha cuestión persoal que afecta de modo grave á honorabilidade do presidente e que nada ten que ver coas funcións deste plenario”.
Os populares afean a “miserable, ruin e rastrera pantomima política” na que os grupos de PSOE, Democracia Ourensá e BNG “queren converter o pleno” da Corporación Provincial, facendo deste foro de debate político “un indigno espazo de enfrontamento levado ao terreo persoal”.
Por este motivo, xustifican que adoptaron a “determinación” de non asistir á sesión plenaria, xa que “nunca se prestarán a facer política lixo” nin “tiveron, teñen nin terán intención” de facer nunca un ataque de tipo persoal aos membros da alternativa de goberno”.











