O Partido Popular aplicará o código ético ao exalcalde de Santa Comba
O portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o partido está a solicitar información sobre a situación do exalcalde de Santa Comba, Antonio Manuel Landeira Gallardo, detido xunto ao seu irmán no marco da ‘Operación Qatedra’, e que lle aplicará o código ético da formación unha vez que dispoña da mesma.
A Garda Civil detivo na pasada xornada ao exrexedor, que dimitira en novembro do ano pasado tras dar positivo nun control de alcoholemia, e ao seu irmán como presuntos autores dos delitos de estafa, falsificación de documento público mercantil e fraude de subvencións.
Os detidos, administradores solidarios dunha empresa con sede social en Santa Comba, solicitaran subvencións para cursos de formación que supostamente non chegaron a realizarse a pesar de recibir da Xunta e da Unión Europea ditas axudas.
Preguntado sobre a situación do exrexedor popular, Tellado explicou que se solicita información dun asunto que transcendeu “na tarde noite de onte” e que poderá “situarse” unha vez que dispoña da mesma. Ao tempo, lembrou que “non ostenta ningunha responsabilidade desde fai máis dun ano”.
Con todo, lembrou que o PPdeG dispón dun código ético que aplicará “cando teña a información dispoñible”. “Pouco máis podemos dicir, é unha cuestión que se fixo pública na tarde noite de onte e toda a información da que dispomos témola a través dos medios”, resolveu.