O Magosto da Alameda contará con 1.000 kilos de castañas, 2.000 racións de chourizo e música
O Magosto volta á Alameda o vindeiro 11 de novembro, día de San Martiño, cun programa de actividades para todas as idades que recolle “o mellor da nosa tradición”, en palabras da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e no que se repartirán 1.000 kilos de castañas asadas, dúas mil racións de chourizo -con opción para celíacos-, auga ou viño polo prezo de un euro.
O programa de actividades foi presentado esta mesma mañá no salón de plenos xunto co cartel gañador do concurso, desta vez asinado por Néstor Domínguez, alumno da Escola de Artes Antonio Faílde de Ourense. “Para os que non vaian ao monte o día do San Martiño”, dixo a concelleira Belén Iglesias, “temos preparada unha tarde de actividades en familia, unha das nosas máximas na Concellería”.
Así, e segundo explicou a técnica de Cultura, María Díaz, ás 17:00 horas comezará a arder a fogueira e comezará a venda dos tíckets de comida. Ás 17:30 comezarán os obradoiros infantís ao tempo que actúan “As Daniñas”. Media hora máis tarde comezará o reparto de comida, amenizado polo grupo de gaiteiros Furafoles. Desde as 19:00 horas, o grupo Os Carunchos será o encargado da música desde o templete da Alameda.
Magosto e concienciación medioambiental
Baixo o lema “Eu reciclo no Magosto”, a Concellería de Medio Ambiente colocará unha carpa informativa con contedores para a recollida selectiva na entrada do Botánico de Montealegre os días 7, 11 e 14 de novembro en horario de 15:30 a 19:30 horas. Desde ela, ademais de informar da correcta reciclaxe dos diferentes residuos que se xeren durante a festa, premiarase os que colaboren no reciclado dos mesmos. A carpa informativa será de 3×3 metros, coas súas paredes personalizadas de xeito chamativo á fin de atraer a atención dos cidadáns que se acheguen a celebrar o magosto. Nesta carpa, dous monitores especializados en medio ambiente informarán e animarán á xente a participar nesta campaña.
Para a posta en marcha desta campaña informativa de concienciación medio ambiental contarán ademais cun conxunto de contedores (para vidro, para orgánicos, envases de plástico, latas e brics, así coma papel e cartón) a fin de que os participantes depositen axeitadamente no contedor correspondente os residuos que xeren.
Premios
Co obxectivo de fomentar unha recollida selectiva in situ, desde a carpa informativa ofreceráselles aos cidadáns que participen de xeito práctico a posibilidade de gañar distintos premios: quen achegue residuos a esta zona de concienciación ambiental e os deposite correctamente no contedor axeitado, poderá extraer dunha urna habilitada para a ocasión unha papeleta que en moitos casos contará cun premio. Así, os participantes poderán optar a gañar unha braga polar, unhas orelleiras ou unha mochila. E entre os premios tamén se incluirán 2 abonos de tempada para o Clube Ourense Baloncesto.
A Concellería espera que esta campaña sexa todo un éxito; por iso son máis de 600 regalos os que foron elaborados para a ocasión. E, á vez que a xente recicla motivada por un agasallo, de xeito lúdico nun entorno festivo, tamén se busca a concienciación medio ambiental así como o fomento da recollida selectiva entre a poboación.











