publicidade hoxe

O importe íntegro do POS 2016 destinarase á mellora da rede viaria en 18 parroquias de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O goberno municipal levará o antes posible ao pleno da corporación a proposta de investimentos para o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS 2016, que destinará un total de 800.000 euros á mellora da rede viaria das 18 parroquias do municipio. O obxectivo da actuación é o de emprender un acondicionamento que permita que as vías estean en condicións óptimas durante moito tempo. Os proxectos do POS 2016 foron redactados polo persoal da Oficina Técnica Municipal en función dun estudo previo elaborado pola Concellería de Obras e Servizos sobre o estado da rede viaria secundaria. Segundo este minucioso estudo, dos 613 quilómetros de pistas asfaltadas de titularidade municipal que existen no Concello, o informe conclúe que hai 85 quilómetros -repartidos entre as 18 parroquias- en mal estado.

O investimento para arranxar todas as vías sería dun total de 2.000.000 de euros, pero, segundo explica o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, “como estamos a falar dunha cifra inasumible nun só ano, faremos unha actuación plurianual”. Deste xeito, os 800.000 euros do POS 2016 constituirían unha primeira fase. Dado que os fondos do POS permitirán afrontar a mellora de toda a rede viaria nun prazo máximo de tres anos, dende o goberno municipal optouse, a proposta do Concelleiro, por dividir o territorio en tres grandes zonas e intervir cada ano nunha delas. Luís Lamas xa lle ten transmitido a decisión aos grupos da oposición, aos que, ademais, lles pediu que realizasen as súas achegas con urxencia dados os curtos prazos establecidos pola Deputación para presentar os proxectos.

Neste primeiro ano, as actuacións concentraranse na zona norte do municipio. As vías están clasificadas segundo o seu estado entre as que non precisan intervención de ningún tipo porque están en boas condicións, as que requiren dun bacheo e eses 85 quilómetros nos que se realizará unha limpeza de cunetas e a pavimentación con dobre rego, de maneira, explicou Luis Lamas, “que quedarán listas para oito ou dez anos”. No resto das parroquias, ademais do mantemento habitual, tamén se acometerán obras viarias con cargo a outros plans. Proba diso é que a semana pasada asináronse os contratos para as obras de sobreancho e reparación de varios camiños nas parroquias de Ardaña, Artes, Sofán e Rus por un importe de máis de 200.000 euros.

5 de novembro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.