O Igape destaca a internacionalización como unha das claves para consolidar a presenza das empresas galegas noutros mercados
O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe durante a súa participación nunha xornada técnica organizada pola Universidade de Santiago de Compostela o fomento da cultura da internacionalización como unha das claves para impulsar e consolidar a presenza das empresas galegas nos mercados exteriores.
Este é un dos eixos nos que se centra a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que inclúe diferentes iniciativas para avanzar neste eido, centradas na formación en idiomas de contido comercial, obradoiros sobre mercados específicos ou asesoramento, entre outros.
No encontro, que permitiu aos asistentes afondar nos aspectos xurídicos da internacionalización empresarial, informou tamén doutras ferramentas a disposición das pemes que buscan iniciar ou consolidar a súa presenza internacional.
Durante a xornada técnica organizada pola Universidade de Santiago desenvolvéronse, na Facultade de Dereito, relatorios e mesas redondas que abordaron cuestións como os servizos e apoios públicos á internacionalización e os aspectos legais, fiscais e administrativos dos procesos de internacionalización empresarial. Houbo, igualmente, videoconferencias sobre o marco xurídico relativo aos investimentos en mercados como Brasil, Chile, Colombia, México ou Perú.











