O IES A Sardiñeira da Coruña impulsa un pioneiro proxecto interautonómico para orientar outros centros sobre FP Dual
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do seu director xeral, Manuel Corredoira, mostrou hoxe o seu apoio ao IES A Sardiñeira da Coruña polo seu compromiso coa Formación Profesional Dual, unha das novas modalidades postas en marcha ao abeiro da Lomce. Froito desta implicación, o instituto coruñés está participando nun pioneiro proxecto interautonómico co fin de intercambiar experiencias arredor da FP Dual e orientar a outros centros que queiran implantala.
Precisamente, o IES A Sardiñeira acolleu o encontro nacional celebrado entre onte e hoxe arredor do proxecto, que leva por nome Intercambio de nuevas experiencias formativas en la FP del siglo XXI. A iniciativa resultou seleccionada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte dentro dun paquete de axudas para o deseño e aplicación de proxectos de mellora da aprendizaxe do alumnado, por agrupacións de colaboración profesional entre centros sostidos con fondos públicos de diferentes comunidades ou cidades autónomas.
Convenio con Repsol
O director xeral de Educación, que participou na segunda xornada do encontro, recordou a confianza e aposta que fixo este instituto coruñés pola FP Dual desde un principio, posto que en 2013 converteuse no primeiro centro da cidade herculina en poñer en marcha esta modalidade, asociada ao ciclo de grao superior en Química Industrial.
Grazas a un convenio de colaboración entre a Consellería e Repsol Petróleo S.A., 15 alumnas e alumnos deste ciclo beneficiáronse dunha formación combinada entre centro e empresa, o que fomenta a experiencia do alumnado en situacións de traballo reais –e con remuneración– e, ao mesmo tempo, permítelle á empresa formar os futuros profesionais segundo as súas necesidades. Tal e como salientou Corredoira, a FP Dual axuda a mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas, preparándoos para o mundo laboral no propio seo empresarial.
Ademais, motivadas polo éxito da primeira edición, o departamento educativo da Xunta de Galicia e mais a compañía Repsol renovaron este ano a súa colaboración arredor do mesmo ciclo, co fin de seguir achegando a realidade empresarial ao eido educativo.
Sete centros compartindo unha idea
Por tanto, a experiencia do IES A Sardiñeira, xunto coa de outros seis centros máis, fixeron posible o proxecto Intercambio de nuevas experiencias formativas en la FP del siglo XXI, cuxo resultado final será unha guía orientadora para aqueles centros que están comezando coa implantación da FP Dual. Deste xeito, este manual recompilará as experiencias profesionais de cada un dos participantes, presentará de xeito ordenado as etapas a seguir en cada unha das fases do proceso da FP Dual e, axudará, entre outras cousas, a transferir o coñecemento arredor desta modalidade. En definitiva, a guía busca ser un modelo de consulta e a seguir polos centros que queiran poñer en marcha este tipo de formación.
En concreto, e a maiores do IES A Sardiñeira, nesta iniciativa participan o IES El Getares (Algeciras, Cádiz), o IES Comte de Rius (Tarragona), o IES Palau Ausit (Ripollet, Barcelona), o Centro de Formación Somorrostro (Muskiz, Bizkaia), o CIFP Simón de Colonia (Burgos) e o IES Zapatón (Torrelavega, Cantabria). Aínda que de diferentes lugares, todos os centros comparten un entorno vinculado fortemente ao sector produtivo.











