O HULA xa recibiu o acelerador lineal de electróns para o servizo de radioterapia
O Hospital Universitario Lucus Augusti xa ten nas súas instalacións o acelerador lineal de electróns Clinic IX de Varian, co que se porá en marcha o Servizo de Radioterapia deste centro hospitalario. Este acelerador forma parte do compromiso asumido pola Fundación Amancio Ortega, que financia a renovación da tecnoloxía de diagnóstico e tratamento oncolóxico do Servizo Galego de Saúde.
Esta nova tecnoloxía, a máis innovadora que hai actualmente no mercado sanitario, permitirá ofrecer aos pacientes lucenses os tratamentos máis punteiros de radioterapia, sen necesidade de que teñan que desprazarse fóra da súa provincia para acceder a este tipo de tratamentos contra o cancro.
Tras recibir a correspondente autorización de instalación da área de oncoloxía radioterápica do HULA por parte do Consejo de Seguridad Nuclear, a empresa subministradora, Varian Medical Systems, procedeu a traer a máquina, que se fabricou de xeito específico para o hospital lucense. Actualmente, Varian está xa a iniciar o proceso para a ensamblaxe e instalación do acelerador de electróns, unha vez rematadas as obras de acondicionamento do búnker, que se adaptou de xeito específico ás características particulares do acelerador.
O acelerador lineal de electróns é un aparello de última xeración que incorpora técnicas de tratamento moi novidosas, menos invasivas e, polo tanto máis eficaces e seguras para os pacientes. Posee unha alta precisión e exactitude para administrar doses de radiación de forma totalmente segura e protexendo ao máximo os tecidos sanos, coa fin de asegurar a calidade e a seguridade en todos os tratamentos de radioterapia.
Segundo o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, Antonio García Quintáns, “trátase da última xeración de tecnoloxía dispoñible, un aparello moito máis preciso, que emite menos radiacións e aumenta as probabilidades de éxito dos tratamentos, o que supón unha mellora moi substancial para o paciente”.
García Quintáns tamén lembrou que entre 600 e 700 pacientes lucenses son tratados cada ano nun Servizo de Radioterapia. A posta en marcha da área de oncoloxía radioterápica no HULA evitará que teñan que desprazarse a outros centros hospitalarios “aumentando o confort e a calidade asistencial que se presta a estes usuarios, que teñen que realizar visitas secuenciais para recibir tratamento”, recalcou o xerente de Xestión Integrada de Lugo.
Nos próximos días producirase a incorporación do persoal que vai traballar no Servizo de Radioterapia do Hospital Lucus Augusti, de xeito que dende o primeiro momento participen na posta en marcha do servizo. A Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Lugo xa está a levar a cabo os trámites para a contratación inicial de varios facultativos e outro persoal especializado.
O novo servizo contará con facultativos especialistas en Radioterapia e facultativos especialistas en Radiofísica, así como con Diplomados Universitarios de Enfermería, Técnicos Especialistas en Radiodiagnóstico e Técnicos Superiores en Radioterapia. A contratación inicial destes profesionais completarase posteriormente con outras categorías complementarias necesarias para desenvolver as súas funcións nestes servizos.
Deste xeito, seguen a cumprirse os prazos para que a provincia de Lugo teña habilitado este mesmo ano o Servizo de Radioterapia, aumentando así a calidade asistencial dun centro hospitalario dotado, na maioría das súas especialidades, cos mellores médicos técnicos e diagnósticos que hai neste momento no mercado sanitario.
Servizo
O Servizo de Radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti ocupa unha superficie de máis de 1.700 metros cadrados, nos que se inclúen os dous búnkeres cos que contará o servizo, así como salas de consultas, sala cun TAC para uso exclusivo deste servizo, salas de espera, zona de citación, entre outros espazos.
A posta en marcha deste servizo posibilitará que determinados procesos terapéuticos podan realizarse no Hospital de Lugo, nas mesmas condicións que se facían ata agora noutros hospitais. Deste xeito, mellorarase substancialmente a atención sanitaria que se presta aos cidadáns, porase a disposición dos profesionais da saúde as últimas tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas, e incrementarse a produtividade e capacidade diagnóstica dun hospital de vangarda como o Hospital Universitario Lucus Augusti.











