O goberno local de Bueu propón alternativas tras a renuncia de dúas subvencións da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

“O Concello de Bueu non perde dúas subvencións, senón que se viu obrigado a renunciar a elas debido á imposibilidade de xustificar as obras en prazo”. Nestas palabras se referiu Félix Juncal, alcalde de Bueu, tras as críticas por parte do PP local sobre a perda das subvencións das obras do  tramo rural da senda do río Bispo e da actuación para mellora do mercado tradicional da Praza de Abastos de Bueu, e xa avanzou solucións alternativas. O rexedor quixo deixar ben claro que a renuncia se fai ao agardar ao último momento e desgranou os diferentes trámites e datas de ambos expedientes administrativos. No caso da senda do río Bispo, recibiuse a resolución provisional o 15 de agosto por parte da Axencia de Turismo, de 28.499 euros, que supoñía o importe total da actuación, e que debía xustificarse antes do 15 de outubro. A petición dos informes de Augas de Galicia e do Plan de Ordenación do Litoral (POL) son necesarios e fan que o trámite se retrase. O 16 de setembro recíbese a resolución definitiva da subvención e, tras a petición de prórroga ata o 15 de decembro por parte do Concello, o 1 de outubro recíbese a denegación por parte da Directora de Turismo de Galicia. Ante os prazos tan xustos, o Concello opta por renunciar á subvención ante a imposibilidade de xustificala en prazo.

No tocante ao proxecto das melloras no mercado tradicional, o Concello solicita a subvención, e recibe o 23 de xullo a resolución da subvención de 27.408 euros, o que supón un 70% do total, cuxo orzamento está estimado en 39.155 euros. Tras a solicitude de prórroga á Consellería de Economía e Industria, e a súa denegación, recíbese a autorización de Portos de Galicia, e comeza a cursar as invitacións e concorren tres empresas, que finalmente, e por diversos motivos, renuncian á execución da obra. En vista disto, o Concello vese obrigado a renunciar á subvención o 16 de novembro.

SOLUCIÓNS ALTERNATIVAS

En vista disto, Juncal mostrou que o “goberno está tranquilo” xa que se actuou sempre seguindo os procedementos administrativos. E no caso do mercado tradicional xa avanzou que antes de final de ano, se vai proceder á colocación duns toldos aproveitando o orzamento que o Concello tiña reservado para esta obra (en torno a 14.000 euros), e que as bancadas se poñerán de cara ao vindeiro ano. Ademais, no caso da senda do Bispo, non se renuncia a este proxecto, que se seguirá tendo sobre a mesa.

En referencia aos prazos das subvencións da Xunta de Galicia, o rexedor buenense aproveitou para reprochar que estes son moi axustados, e que “non é normal que un informe tarde varios meses en enviarse”, xa que se retrasan as actuacións dos municipios. Juncal avogou que a Xunta opte por un modelo de xestión que camiñe cara ao instaurado este ano pola Deputación de Pontevedra, xa que así se permite a mellor planificación e xestión dos Concellos e dos seus proxectos. “Se desde o goberno autonómico non se amplían os prazos ou se resolve antes pensarémonos moito concorrer a este tipo de subvencións no futuro, xa que aínda que nos interesen non estamos seguros de chegar a tempo”, sentenciou.

19 de novembro de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.