O goberno galego aumenta nun 26% o convenio con Fegadace

Rey Varela na visita ao centro da Asociación Sarela. Foto: A. Varela
A Xunta de Galicia destinará o vindeiro ano máis recursos ás entidades que apoian ás persoas con dano cerebral e ás súas familias, incrementando o convenio de colaboración coa Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e cunha nova convocatoria de prazas de atención terapéutica. Así o avanzou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que hoxe visitou as instalacións da Asociación Sarela xunto coa directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez; e onde se reuniu con responsables da federación e de dita entidade.
Rey Varela insistiu na firme vontade do Goberno galego de seguir apoiando ás persoas que sofren dano cerebral e ás súas familias, ao tempo que salientou o esforzo diario que fan as entidades que traballan neste ámbito, e garantiu a colaboración e o diálogo permanente por parte do conxunto da administración autonómica coas organizacións deste sector. “A Xunta e as entidades que forman parte de Fegadace coincidimos na defensa dos intereses e na procura da mellora da calidade de vida dos galegos e galegas afectados por dano cerebral e dos seus familiares”, dixo o conselleiro. E ao fío disto engadiu que “o que pretendemos é contribuír a sensibilizar á sociedade en xeral con respecto ao alcance e á dimensión do problema, así como apoiar todas aquelas iniciativas que se dirixan a favorecer a plena integración social deste colectivo”.
Neste sentido, o compromiso do Goberno galego con este colectivo ten o seu reflexo no reforzo económico do convenio con Fegadace, que en 2016 subirá a súa contía un 26% en comparación con este exercicio ata chegar a un total de 211.511 euros. Deste xeito, a Consellería de Política Social contribuirá, un ano máis, ao financiamento dos programas de atención ambulatoria, de rehabilitación funcional e inclusión social de persoas con dano cerebral adquirido, ademais de ao mantemento da federación e das entidades que integran a mesma.
Máis prazas de atención
Ademais do incremento do convenio coa federación, este ano a Consellería de Política Social aumentou en once máis as prazas para a atención diúrna de persoas con dano cerebral adquirido na área de Santiago; e de cara ao 2016 sairán a concurso outras 24 novas prazas para a área de A Coruña. Galicia conta na actualidade cun total de 89 prazas para este colectivo –entre atención diúrna e residencial- nunha rede de centros de atención distribuídos nas catro provincias.
Así mesmo, a Comunidade Autónoma é pioneira en dotarse dunha carteira específica de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. Este modelo permite unha maior especialización, definindo programas e servizos atendendo aos colectivos aos que se dirixen, como por exemplo: alzhéimer, discapacidade física ou intelectual, dano cerebral ou parálise cerebral.











