publicidade hoxe

O goberno de Lalín demándalle medidas urxentes á Xunta para garantir que a vacina contra a meninxite B chegue a toda a cidadanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A recente morte dun cativo na localidade de Boiro a causa da meninxite B reabriu o debate sobre a necesidade de que se tomen medidas urxentes que garantan a dispoñibilidade para toda a cidadanía da vacina que actúa contra esta grave enfermidade. A Xunta de Galicia non considerou polo momento incluír o medicamento no calendario anual de vacinacións, tal e como recomendan varias organizacións sanitarias, algunhas delas de nivel internacional como a Axencia Europea do Medicamento, (EMA), polas súas siglas en inglés. Este organismo considera que dito fármaco ten un claro perfil de vacina sistemática a incluír no calendarios oficiais de todas as comunidades autónomas como procedemento máis eficaz para loitar contra as mortes e as secuelas causadas por esta doenza.

Non obstante, o goberno galego non  valorou esta posibilidade, senón que a vacina se puxo á venda en farmacias, provocando a aparición de grandes listas de espera para poder acceder a un medicamento cuxo prezo se eleva a case 110 euros e que moitas familias non poden asumir. Porén, o tenente de alcalde e concelleiro delegado de Sanidade Pública, Nicolás González Casares, considera que o modelo elixido pola Xunta, que desbota a inclusión da vacina no calendario oficial, “está dando lugar a unha vacinación de ricos e outra de pobres, algo que nunca se podería permitir”, subliña.

González Casares entende que “son moitas as familias tanto de Lalín coma de toda Galicia que non poden afrontar os custes desta vacina recomendada por pediatras, máis incluso no caso da nosa comunidade por ser unha patoloxía que incide en maior frecuencia que noutras rexións do Estado”. Por iso, o responsable municipal de Sanidade acusa ao Partido Popular de “desestabilizar novamente o programa de inmunización dos nenos e das nenas, como xa pasou coa varicela”, o que segundo o propio concelleiro dará pé a que “haxa dous tipos de vacinación, a dos que poden pagar e a dos que non”.

Por estes motivos, Nicolás González Casares reclámalle á Xunta de Galicia, en nome do Goberno de Lalín, “máis sensibilidade cos milleiros de familias afectadas” ao tempo que insiste na “necesidade urxente de que a administración autonómica poña en marcha medidas para garantir que as vacinas cheguen a todos os cidadáns”.

3 de novembro de 2015 | 14:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.