O Goberno de Ferreiro levará ao pleno as novas ordenanzas fiscais para que se rexan por criterios de equidade
A Xunta de Goberno local celebrada na mañá deste mércores aprobou a modificación das Ordenanzas Fiscais do 2016, que o equipo de Goberno levará ao Pleno da próxima semana para introducir nos impostos e taxas municipais criterios de equidade, progresividade, xustiza social e sostibilidade ambiental, co obxectivo de acadar “unha distribución máis xusta da carga tributaria local”, o que supón ademais unha redución da presión fiscal. A ese fin, o Goberno coruñés introduce progresividade nas tarifas sempre que é posible –a modificacións fanse dentro do estreito marxe que permite o Real Decreto 2/2004 polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais–, incrementa as bonificacións até os máximos legais permitidos para persoas e familias con menores niveis de renda e en risco de exclusión social e inclúe medidas de estímulo á actividade económica e ao emprego.
A proposta recibiu o visto bo hoxe despois de ser acordada co grupo municipal do PSOE para a súa aprobación na sesión plenaria do luns vindeiro. Nela inclúense os impostos e taxas municipais de maior relevancia e outras menos significativas no plano económico, pero de grande relevancia social, como os prezos públicos de matrimonios civís, o de uso de hortas urbanas, que se suprimen na súa totalidade, así como a taxa de decomisos. Dentro das modificacións cóntase tamén o aumento do 100% da taxa de caixeiros automáticos, que pasa dos 210 aos 420 euros por caixeiro e ano.
“O acordo nos permitirá ter unhas ordenanzas fiscais para o 2016 que sexan socialmente máis xustas, que inclúan unha baixada da auga para todos os consumidores, e, especialmente, aqueles que menos consumen”, salientou esta mañá o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quen destacou tamén que a normativa que se aprobará no Pleno do próximo luns fará “que aquelas persoas que máis teñen e máis poden aportar poidan facer un esforzo maior para aliviar a aquelas que menos poden” e puxo como exemplo a exención no recibo da auga para as persoas que cobren o Risga ou o aumento de bonificación do IBI nas vivendas de protección oficial.
Imposto de Bens Inmobles (IBI)
Entre as medidas que se introducen no IBI está a conxelación dos tipos impositivos aplicables, tanto a bens inmobles rústicos como os de natureza urbana, que se manteñen no 0,6%, e a modificación do tipo aplicable aos grupos de aeroportos e portos comerciais dentro dos Bens Inmobles de Características Especiais (BICES) ata o 1,3% e igualalo ao tipo que se aplica ao resto de BICES da cidade, unha medida coa que se prevé aumentar a recadación en 1.011.000 euros. A lonxa e as empresas pesqueiras poderán beneficiarse dunha bonificación do 50% da cota do IBI que compensará o incremento deste imposto neste caso.
Neste mesmo apartado increméntase a bonificación para familias numerosas ata o máximo legal permitido do 90% da cota íntegra –coa ordenanza vixente a bonificación máxima era do 60% para familias con oito ou máis fillos e fillas–, facéndoa progresiva en función da renda e non do número de descendentes. O documento establece para 2016 catro tramos en función da renda familiar neta, de xeito que a bonificación do 90% atinxe a familias numerosas cunha renda neta per capita inferior ou igual ao IPREM (o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, que é o índice de referencia para a asignación de axudas e subsidios en función dos ingresos); a bonificación do 70% concédese en familias numerosas con rendas per capita inferiores ao 1,5 do IPREM; bonificación do 50% para familias numerosas con rendas per capita de ata dúas veces do IPREM e bonificación do 20% para o resto de familias numerosas cunha renda neta per capita que superen dúas veces o IPREM.
Tamén, en relación ao IBI, a modificación das ordenanzas fiscais estende a bonificación do 50% (o máximo legal permitido) para vivendas de protección oficial dos cinco aos sete anos, e incrementa o recargo para vivendas baleiras, do 25% ao 50%, o máximo que permite a Lei. Neste punto, o Goberno local sinala que, dado que a aplicación deste recargo esixe do desenvolvemento legal do que se entende por “vivendas desocupadas con carácter permanente” (competencia allea ao Concello) e a elaboración dun censo a este respecto, esixirá á Xunta e ao Goberno central que adopten as medidas lexislativas necesarias. “É un chamamento á Xunta para que regule o que ten que regular e defina o que se entende por vivenda baleira, algo que leva anos sen facer, e, dese xeito, nos dea un alivio aos concellos para poder ter algo máis de ingresos nun momento difícil; pero, sobre todo, mande unha mensaxe, porque no estado de dificultade de acceso á vivenda, de emerxencia social, que temos non pode haber vivenda baleira que non se poña a disposición das persoas que o necesiten”, expuxo o rexedor.
Por último, contémplase unha rebaixa da bonificación obrigatoria para os inmobles que constitúan o obxecto da actividade de empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria, que pasa do 90% ao 50%.
Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (o IVTM)
A proposta que levará ao Pleno o Goberno local introduce na ordenanza que regula o IVTM certa progresividade na tarifa en función da potencia fiscal dos vehículos (respectando os tramos e límites establecidos pola norma estatal) e incrementos nas bonificacións para vehículos con emisións cero ou baixo nivel de emisións, como os híbridos, eléctricos e aqueles vehículos que empreguen combustibles non convencionais (biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidróxeno e GLP, e mixtos), ata o máximo legal permitido, de xeito que pasan do 50% ao 75% con carácter indefinido, para emisións cero ou vehículos totalmente eléctricos.
A modificación desta ordenanza fiscal establece unha rebaixa no coeficiente para turismos, ciclomotores e motocicletas comprendidos nos tramos de potencia máis baixos (menos de 8 cabalos fiscais os turismos e 125 CC no resto), que pasan do coeficiente 1,784 ao 1,5, e propón o mantemento dos coeficientes dos tramos medios de potencia (de 8 a 15,99 cabalos fiscais e de 125 a 500 CC en motocicletas) e dos coeficientes que se aplican a autobuses, camións, tractores, remolques e semirremolques. A previsión é que estes cambios impliquen un aumento da recadación duns 55.000 euros.
Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO)
Na ordenanza fiscal reguladora do ICIO, a proposta marca modificacións que inclúen unha bonificación do 50% da cota para vivendas de protección oficial e unha bonificación do 70% da cota, con límite de 2000 euros, para persoas emprendedoras que xeren emprego na cidade. Taxas e Prezos Públicos
En canto ás taxas e prezos públicos, na ordenanza que regula a Taxa por Subministro e Utilización da Auga Potable para o termo municipal coruñés, a proposta que se levará a Pleno contempla unha serie de modificacións, que pasan por unha rebaixa nas tarifas da auga para usos domésticos, tanto na cota fixa, que se reduce nun 13,1%, ao pasar dos 5,76 aos 5 euros ao mes, afectando a 147.333 vivendas, así como no tramo de menor consumo na cota variable (ata 6 metros cúbicos ao mes), que se reduce nun 20%, ao pasar do 0,1693 euros por metro cúbico a 0,13544 euros. Increméntase a cota variable para grandes consumidores nun 10% a partir de 200 metros cúbicos ó mes. Estas modificacións supoñen unha redución da presión fiscal na taxa da auga por un importe de 1,260 millóns de euros.
Tamén se introducen medidas de carácter social na taxa da auga, ao establecerse unha cota cero para as persoas beneficiarias da Risga (ou axudas públicas de protección equiparables), e unha redución do 75% na cota tributaria para as familias cunha renda neta inferior ao igual ao IPREM, e dun 50% para familias con renda inferior a 1,5 veces o IPREM.
Por razóns ambientais, inclúese tamén un novo tramo de tarifa para grandes consumidores de auga en usos non domésticos: os consumos de máis de 200 metros cúbicos ao mes tributarán a 0,7118 euros por metro cúbico, o que representa unha suba do 10% sobre o tramo de consumo inmediatamente anterior, o máximo na tarifa vixente. Segundo os datos que manexa a Empresa Municipal de Augas, Emalcsa, esta modificación afectará a 4.260.000 metros cúbicos de auga, e suporá un incremento da recadación de 276.000 euros.
Outras ordenanzas que se modificarán son a reguladora da Taxa pola Ocupación de Terreos de Uso Público Local con Depósitos e Aparellos Distribuidores, dentro da que se recolle o aumento do 100% na taxa aplicable aos caixeiros automáticos, ata os 420 euros por caixeiro e ano. Na Taxa de Cemiterios Municipais, a proposta de modificación rebaixa nun 10% a taxa aplicable ás transmisións intervivos de sepulturas subterráneas, nichos e cinceiros. Na taxa que regula o Outorgamento de Licenzas ou Autorizacións para Industrias de Rúa ou Ambulantes suprímese a taxa de decomisos, e o mesmo ocorre co prezo público aplicable as vodas civís (na normativa actual a taxa é de 125 euros por matrimonio civil) e o de uso de hortas urbanas de titularidade municipal, reguladas na Ordenanza sobre o Prezo Público por Prestación de Servizos e Utilización de Instalacións Culturais, Educativas, de Ocio ou Análogas de Titularidade Municipal, na que pasa a establecerse a gratuidade por estes dous conceptos.











