O goberno de Ames solicitará unha prórroga de seis meses no contrato coa Mancomunidade Serra do Barbanza
O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e o concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza co Comité de Empresa da planta de Servia, que está xestionada pola empresa FCC SA, encargada do servizo de recollida domiciliaria e tratamento de lixo na Mancomunidade Serra do Barbanza. Un vez máis dende o executivo amesán mostran o seu malestar coa alcaldesa de Lousame e presidenta desta entidade, xa que non lles pasaron a información solicitada a comezos do mes de agosto. O goberno municipal solicitará unha prórroga de seis meses no contrato que mantén coa Mancomunidade Serra do Barbanza para estudar se continúan nesta entidade ou buscan outra alternativa.
Na xuntanza mantida co Comité de Empresa da planta de Servia, o goberno municipal trasladoulle aos asistentes toda a información da reunión mantida coa Mancomunidade Serra do Barbanza e do escrito no que se lle solicitaba a esta entidade que o Concello de Ames estivese presente nas reunións da Mancomunidade coa empresa FCC, así como na xuntanza da Mancomunidade que en principio ía a ser onte pero da que o executivo amesán non tivo información. Asemade, o goberno local trasladoulle o seu apoio ante a posición de incerteza que manteñen.
Dende o Comité de Empresa expresáronlle ao goberno a súa comprensión ante a situación explicada e quedaron en manter un contacto fluído e activo entre ambas as dúas partes. Por parte do Comité de Empresa tamén solicitaron unha visión a longo prazo de cara a contar cunha seguridade xurídica do futuro da planta. A compra de camións, colectores, o futuro da parcela alugada, o contencioso e liquidación do contrato con FCC e outra serie de situacións, albergan certa inestabilidade sobre este futuro.
Ante esta situación o alcalde de Ames, José Miñones, amosou “a súa sorpresa e desgusto polas declaracións e acusacións da alcaldesa de Lousame e presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, nas que se contradí ao dicir que entregou toda a información correspondente, para máis abaixo afirmar que aínda falta por entregar a información do custe do servizo. Na reunión mantida no mes de agosto non se trasladou máis que un balance da situación actual da Mancomunidade e quedouse en enviar a información relativa ao custe de entrar como socios de pleno dereito, o cal é imperativo por parte da Mancomunidade, así como o número de toneladas que xera o Concello de Ames entre outros datos”.
Dende o goberno de Ames explican que a día de hoxe esta información segue sen ser enviada ao Concello, a pesar de que a Mancomunidade ten os datos relativos ás toneladas de lixo que lle son trasladadas mensualmente a través da empresa FCC. En repetidas ocasións o departamento económico solicitou información relativa ao custe sen obter mais alá de datos sobre a liquidación que non permiten coñecer o importe que terá que pagar o Concello. O contrato de Ames coa Mancomunidade fixaba unha prórroga de 9 anos que na reunión de agosto se advertiu que non se ía a levar adiante por parte de Mancomunidade obrigando a quedar unicamente como socios de pleno dereito sen establecer a cota a pagar.
“Non entendemos que intereses hai detrás da postura insensata de quen preside a Mancomunidade, e nin tan sequera sabemos si este posicionamento da rexedora de Lousame é coñecida polo resto dos alcaldes, e por iso imos a abrir unha liña de reunións con todos eles para coñecer de primeira man a súa opinión sobre este tema. Ames non pide un trato preferente pero tampouco que se nos menosprece, porque hai moito en xogo e o goberno non vai a tomar a decisión de entrar como socio de pleno dereito sen saber as condicións e consecuencias de dita elección, como é de sentido común. A responsabilidade da nosa posición lévanos a solicitar toda a información”, explica Miñones.
O 31 de decembro remata o contrato co Mancomunidade
Por último, dende o goberno municipal destácase que “o 31 de decembro remata o contrato que ten o Concello de Ames coa Mancomunidade Serra do Barbanza. Dende a Mancomunidade informóusenos o pasado 12 de novembro da posibilidade de adoptar un acordo do estilo ao asinado cos Concellos de Rois e Pontecesures que implican unha prórroga dos actuais concertos, pero sen especificar o número de meses de dita prórroga. Revisado o acordo asinado con Rois, tan só se fala dun mes de prórroga, o que para o Concello de Ames é de todo insuficiente para a toma de semellante decisión. É por este motivo polo que o goberno de Ames quere traballar coa planificación necesaria e solicita agora unha prórroga de seis meses a contar dende a remisión de toda a información necesaria e solicitada”.
Por outra banda, o concelleiro de Urbanismo e Servizos Básicos, Blas García, salientou a “falta de seriedade por parte da alcaldesa de Lousame, xa que minte de maneira clara cando afirma que na xuntanza do mes de agosto nos entregou información. Todo o sucedido indica que a Alcaldesa de Lousame non quere que sigamos formando parte desta entidade”.
Blas García tamén explica que “a realidade é que durante tres meses a presidenta da Mancomunidade foi incapaz de enviarnos os datos que lle solicitamos de maneira reiterada, sen embargo a empresa FCC envióunolos ao día seguinte de ter a xuntanza co representante da mesma. Iso indica a falta de interese de quen dirixe a Mancomunidade, xa que, ademais, os datos de recolleita lle son facilitados pola empresa todos os meses”.











