O goberno de Ames asigna 60.000 euros entre as asociacións culturais, as comisións de festas e as ANPAS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, a concesión das axudas relativas á promoción das actividades culturais e á organización de festexos municipais correspondentes ao exercicio 2015. Destas convocatorias de axudas van beneficiarse un total de 19 entidades municipais. Investíranse 23.580 euros en 13 asociacións culturais e 17.900 euros en 6 entidades e comisións que organizaron diversas festas populares. Ademais, aprobáronse as xustificacións presentadas por 6 ANPAS municipais, o que acredita o seu dereito a percibir o importe das achegas concedidas. Entre as ANPAS repartiranse 16.227,17 euros.

Para a realización de actividades culturais concedéronse 23.580 euros, repartidos entre un total de 13 asociacións culturais municipais. Estas subvencións están destinadas á organización de actividades -organización de cursos, adquisición de diverso material bibliográfico e discográfico, compra de roupa tradicional para actuacións, organización das festas do Magosto e Entroido, compra de instrumentos musicais, celebracións tradicionais, viaxes culturais, obradoiros, certames, etc-.

A contía das subvencións a conceder determinouse despois da consideración das actividades e investimentos a realizar e de acordo cun baremo de puntuacións que tivo en conta o interese da actividade e a súa adecuación ao interese local, o número de socios, a promoción da lingua galega, o orzamento da actividade e o coeficiente de financiamento derivado da solicitude.

Ademais, para a promoción de festas populares celebradas no exercicio 2015 concedéronse un total de 17.900 euros que irán parar as arcas de 6 asociacións e comisións de festas. Nesta ocasión, a convocatoria contemplou unha asignación de achegas que dependeu directamente da poboación da parroquia ou lugar no que se celebraron as festas, intentando con isto que a actividade financiada chegue a un maior número de veciños e veciñas.

Achegas ás ANPAS municipais

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou as xustificacións presentadas por 6 ANPAS municipais, o que acredita o seu dereito a percibir o importe das achegas concedidas. En total, vanse repartir 16.227,17 euros.

A asignación das axudas realizarase da seguinte maneira: a ANPA do CEIP Agro do Muíño recibirá 3.945,14 euros; a ANPA San Mauro percibirá unha achega de 2.617,57 euros; á ANPA da Escola infantil municipal A Madalena correspóndenlle 1.291,75 euros; a ANPA Millapeques disporá de 2.704,50 euros; a ANPA As Brañas recibirá 1.867,18 euros e a ANPA do CEIP A Maía contará con 3.801,05 euros.

11 de novembro de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.