O Festival de Maxia de Ames cumpre o seu décimo aniversario cun cartel cheo de actividades
O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a presentación do X Festival de Maxia de Ames, que se vai desenvolver do 20 ao 29 de novembro nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. No acto de presentación estiveron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o representante de Abarajar Producciones, Javier Polo, que é a empresa encargada de desenvolver o festival, e a técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez. Este ano como novidades haberá unha gala unipersoal a cargo do Mago Karim, que se celebrará este venres, 20 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e ademais, haberá unha función máis da gala máxica internacional sumando un total de tres pases aos que poderán acudir preto de 600 persoas. Este festival está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que “este ano o Festival de Maxia de Ames inclúe a actuación de oito magos e artistas de recoñecido prestixio que se desenvolverán nas casas da cultura do Milladoiro e Bertamiráns, así como nas prazas de Manuel Murguía e da Maía, co obxectivo de fomentar a programación cultural na rúa. Este festival tamén inclúe, ao longo da vindeira semana, diferentes actuacións nos centros escolares públicos de Ames”.
A programación deste ano dará comezo este venres 20 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, cunha gala unipersonal a cargo do prestixioso Mago Karim. Esta é unha das principais novidades desta edición do festival. Este espectáculo está recomendado para persoas que teñan a partir de 16 anos. Todos os interesados en asistir deberán facer a reserva das entradas ata o día 20, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou por correo electrónico en cultura.milladoiro@concellodeames.org. A programación deste festival continúa do luns 23 ata o venres 27 de novembro nos centros de ensino públicos de Ames, onde os alumnos e alumnas destes colexios poderán gozar da actuación de varios ilusionistas.
O fin de semana do 28 e 29 de novembro estará repleto de actuacións e obradoiros de maxia. As actividades comezarán o sábado 28 na Casa da Cultura de Bertamiráns, e repetiranse o domingo 29 na Casa da Cultura do Milladoiro. Ás 11:00 da mañá, o mago Dani Polo ofrecerá un obradoiro de maxia. Está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos e ofértanse un total de 50 prazas (25 en Bertamiráns e 25 no Milladoiro). É necesario inscribirse e pódese facer chamando ao número de teléfono 981 53 59 40, dende o día 23 ata o 27 de novembro.
Xa pola tarde, de 16:00 a 18:30 horas, as actividades trasládanse á Carpa Máxica, situada na praza da Maía en Bertamiráns, e na praza Manuel Murguía no Milladoiro. Alí os magos Dani García e Noel teñen preparadas actuacións para todos os públicos.
Santomil tamén incidiu en que “dende o Concello de Ames apostamos por unha programación cultural de calidade para todos os públicos. Quero aproveitar esta ocasión para lembrar que este festival naceu hai dez anos grazas ao traballo dun bo amigo como é Xosé Manuel Fernández, que naquel momento estaba ao fronte da concellaría de Cultura, e tamén debido ao gran traballo dos técnicos municipais”.
Gala Máxica Internacional
A principal actividade do X Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional. Este ano outra das novidades é que haberá unha función máis da Gala Máxica Internacional sumando un total de tres pases aos que poderán acudir preto de 600 persoas. Esta gala, que está dirixida ao todos os públicos, estará presentada polo mago Dani Polo e contará coa participación dos magos Pablo Cánovas, Raúl Alegría, Patxi e Sasha.
Esta gala celebrarase o sábado 28 no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá dúas funcións, a primeira ás 17:30 h e a segunda ás 20:30 horas. Hai un aforo limitado de 216 butacas por función. No Milladoiro será o domingo 29 de novembro ás 18:30 horas no auditorio da Casa da Cultura. Neste caso tamén existe un aforo limitado de 146 butacas.
A reserva de entradas para asistir á Gala Máxica Internacional poderase facer entre o 23 e 27 de novembro a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas teñen un prezo de 2 euros para maiores de 18 anos e 1 euro para menores de 18 anos. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función en taquilla 30 minutos antes do comezo do espectáculo. Poderanse reservar como máximo 4 entradas por persoa.
Javier Polo, representante de Abarajar Producciones, empresa encargada de desenvolver o festival, destacou que “a programación do X Festival de Maxia de Ames comeza forte coa actuación do prestixioso Mago Karim, que por primeira vez en Ames, vai a desenvolver un espectáculo dirixido ao público adulto. Despois durante unha semana haberá maxia nos colexios. O groso do festival desenvolverase durante o sábado 28 e o domingo 29 con obradoiros de maxia, actuacións na rúa e unha gala máxica a cargo de recoñecidas figuras do ilusionismo internacional”.











