publicidade hoxe

O “Espantallo Amigo” de Neira Vilas chega a Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRianxo
A-
A+

O proxecto teatral e literario ideado por Os Quinquilláns e Editorial Galaxia a partir do Espantallo Amigo de Xosé Neira Vilas chega a Rianxo. Preto de 500 nenos e nenas dos CEIP Brea Segade, Castelao e Ana María Dieguez gozarán este xoves día 12 pola mañá, no Centro Cultural Auditorio Municipal de Rianxo, con este clásico da literatura infantil galega que xa viaxou polos teatros de medio mundo e que aterra agora de novo nos escenarios galegos, acompañada dunha edición especial do libro que lle dá orixe.

A historia de xenerosidade ideada por Xosé Neira Vilas está contada, na versión teatral de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, polos nenos que no seu día conseguiron superar a miseria grazas á xenerosidade do espantallo amigo e que, xa convertidos en home e muller, queren facer unha montaxe teatral que explique o sucedido. Acompaña a representación teatral unha versión impresa ilustrada por Xaquín Marín que o público leva consigo, para continuar os momentos de risa e reflexión vividos no patio de butacas coa lectura demorada na casa.

O proxecto ofrece un traballo transversal que lles permite aos espectadores-lectores comprender as relacións entre as distintas linguaxes artísticas e que colleitou un grande interese entre o profesorado galego.

10 de novembro de 2015 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.