O DOG fai pública a aprobación do proxecto de trazado do novo acceso a Santiago e á Cidade da Cultura desde a AP-9

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a aprobación do proxecto de trazado do novo acceso a Santiago de Compostela e á Cidade de Cultura de Galicia desde a Autopista AP-9. Dáse conta da resolución pola que o Goberno galego lle dá  visto e prace  ao  proxecto de trazado desta conexión que arrinca no punto quilométrico 70 da AP-9 e deixa desbloqueada esta actuación.

A Axencia Galega de Infraestruturas resolveu adaptar o proxecto ás consideracións recollidas no informe emitido polo Ministerio de Fomento en  setembro de 2015, dado que a conexión se realiza coa autoestrada de titularidade estatal AP-9, na que se están a desenvolver as obras de ampliación entre os enlaces de Santiago Norte e Santiago Sur. Tendo en conta ese informe,  o proxecto prevé un enlace que optimice a solución, optando pola máis sinxela e eficiente, e variando a configuración prevista en forma de trompeta cara outra tipo pesas.

Considérase tamén o informe emitido polo concello de Santiago de Compostela, procurando unha maior adaptación ao previsto no Plan sectorial da rede viaria de Santiago, Ames e Teo, aprobado definitivamente o 24 de xullo de 2003.

Tal e como se detalla na resolución publicada, o movemento de entrada a Santiago desde o norte conectarase coa rotonda norte, existente na Cidade da Cultura, e o resto de movementos canalizaranse a través da rotonda sur, tamén existente. Nestas rotondas realizaranse as adaptacións que sexan precisas para garantir a súa funcionalidade. Ademais,  deseñaranse con detalle todos os camiños de servizo, de xeito que ningunha parcela quede sen accesos como consecuencia da construción da nova vía. 

Deste modo, avánzase cara á materialización desta infraestrutura, que conta cunha dotación de 3 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2016. 

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a ultimar a redacción do proxecto construtivo, que será remitido nas vindeiras datas ao Ministerio de Fomento.

20 de novembro de 2015 | 12:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.