publicidade hoxe

O director do GAIN salienta as altas capacidades das empresas e centros de coñecemento galegos na innovación no eido da seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela Rey, participou hoxe no acto de inauguración do III Congreso Nacional de I+D en Defensa e Seguridade, que tivo lugar na Escola Naval Militar de Marín, onde salientou as altas capacidades dos centros de coñecemento galegos na innovación en materia de seguridade.

Este congreso configúrase como un punto de encontro da investigación entre os diferentes actores da I+D en defensa e seguridade, que durante os dous próximos días exporán os seus traballos e proxectos innovadores. Neste contexto, Varela Rey referiuse a varios casos de éxito que están a desenvolver distintos centros de coñecemento galegos, entre os que citou ás Universidades de Vigo e A Coruña, ao Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia – Gradiant, ou a Navantia, entre outros.

Precisamente, lembrou o director da GAIN, o estaleiro público e a Universidade da Coruña, en colaboración coa Axencia, están a traballar nunha Unidade Mixta de Innovación que busca impulsar en Galicia o estaleiro do futuro para aumentar a produtividade do sector e reducir tempos e custos de fabricación.

Esta investigación, subliñou Varela Rey, oriéntase cara ao estaleiro 4.0 mediante dúas liñas de traballo. A primeira, explicou, céntrase no desenvolvemento dun estaleiro dixital para traballar en deseños e estratexias construtivas, mentres que a segunda aspira a dotar ao sector de novas ferramentas para a mellora da automatización e robotización das técnicas de construción.

O obxectivo, proseguiu o director, é que a iniciativa sexa de aplicación a calquera programa futuro de Navantia, se ben as próximas fragatas F-110 serán xa o primeiro gran programa que se beneficie da investigación.

19 de novembro de 2015 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.