O cuarteto ‘Brentano’ protagoniza un novo concerto de Enclave de Cámara
Logo do éxito da celebración de Samaín o pasado sábado comeza un mes de novembro cheo de actividades na axenda cultural do Concello de Ourense. Este xoves día 5, a cidade terá a oportunidade de escoitar ao famoso cuarteto neoiorquino Brentano. Desde a súa fundación no 1992, o cuarteto Brentano foi aclamado polo público e a crítica que desatou a súa brillantez técnica, coñecemento musical e elegancia estilística. Será no Teatro Principal á partir das 20.30 h, e as entradas xa se poden adquirir desde 5 €.
O venres temos dúas citas importantes no Auditorio Municipal. Ás 18 h comezará o espectáculo infantil BB Circus, dirixido a bebés. BB Circus é a historia dun soño dun neno. O pequeno Martiño está crecendo e descubrindo as pequenas posibilidades que van aparecendo no seu mundo. As entradas teñen un prezo de 3 €.
Ás 22 h será o turno de Una noche con Quique San Francisco. O versátil e premiado actor, presenta unha escolleita selección dos seus mellores e máis famosos monólogos cons que triunfou en escenario e programas tan emblemáticos como El club de la comedia ou El hormiguero. O prezo das entradas é de 16 €.
O sábado día 7, a programación vai enfocada a un clásico estilo musical, Un día en la ópera, proxecto ambicioso que xunta sobre o escenario catro solistas de gran proxección artística internacional e ofrece un repertorio cos mellores momentos da historia da ópera. Será no Auditorio ás 20.30 h e as entradas á venda teñen un prezo de 8 €.
Finalmente, o domingo ás 12 h, temos unha nova cita coa programación infantil, está vez cun espectáculo dirixido aos maiores de 5 anos que poderán gozar con A viaxe de Rosalía. A protagonista desta viaxe non é outra que Rosalía de Castro, que vén coa súa madriña Francisca, e xuntas contará pasaxes da vida da artista e algúns dos seus poemas.
Todas as entradas pódense adquirir en ataquilla.com ou dúas horas antes do comezo de cada espectáculo.











