O CSIC continúa coas actividades da Semana da Ciencia
O CSIC continúa co seu programa de actividades para conmemorar en Galicia a Semana da Ciencia. Estes días en Santiago de Compostela están a ter lugar as seguintes actividades:
No IIAG, a sétima edición de Biodiversión. Articúlase ao redor de talleres prácticos nas instalacións do centro de investigación (Avenida de Vigo, s/n, Campus Vida), a un concurso de debuxo e outro de relatos. Comezaron o luns, 16 de novembro, co alumnado do colexio Divino Mateo. Continúan hoxe co alumnado do colexio “A Milagrosa” e concluirán o venres, 20 de novembro, co colexio Santiago Apóstolo. O obxectivo é achegar ao alumnado de Primaria a I+D+i desde un punto de vista lúdico, incentivando á vez o interese científico a idades temperás e o fomento da experimentación.
No IEGPS, visitas guiadas ás súas instalacións (Antigo Hospital de San Roque, 2). Asiste o alumnado da Facultade de Xeografía e Historia da USC e o do colexio La Salle. O obxectivo é presentar en ton divulgativo o labor que desde 1943, ano da súa creación, e até a actualidade, desenvolve o IEGPS no ámbito da historia, patrimonio e cultura de Galicia. Tamén buscan dar a coñecer os fondos da biblioteca do centro, unha das máis valiosas e mellor nutridas de Galicia, e o material musealizado que se conserva nas súas instalacións.











