publicidade hoxe

O conselleiro de Política Social asiste ao xantar de confraternidade cos maiores de Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiro
A-
A+
Rey Varela no xantar de confraternidade en Boiro

Rey Varela no xantar de confraternidade en Boiro

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou no mediodía de hoxe no tradicional xantar de confraternidade cos maiores do municipio coruñés de Boiro. Alí, o titular da carteira social asegurou que os maiores galegos son “peza esencial” para a Xunta de Galicia e comprometeu o traballo do Goberno autonómico para favorecer o envellecemento activo. Nesta liña o conselleiro apuntou cara a importancia de “ evitar situacións de dependencia non desexadas a través da prevención” e avanzou que a actualización do Plan rexional de Persoas Maiores está en fase de elaboración e será aprobada proximamente no Consello da Xunta. “Queremos moitos maiores en Galicia, pero cunha condición, saúde e vitalidade”, abundou.

Na súa intervención, Rey Varela lembrou que a Consellería de Política Social “está configurada para levar a cada un dos fogares galegos os efectos da recuperación económica que estamos comezando a vivir” e valorou a creación da nova Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade que no vindeiro ano 2016 terá un incremento dun 7% con respecto ao orzamento consignado a esta área en 2015. “Unha suba que nos permitirá coidar mellor dos nosos maiores, consignar máis cartos para atención á dependencia ou abrir máis centros para maiores”, engadiu.

Ao fío desta idea, o conselleiro fixo balance dos logros do Goberno da Xunta desde 2009 entre os que destacou o aumento a ratio da poboación atendida con dependencia do 30% ao 60%; o incremento dos centros de atención diúrna nun 98%; o aumento dun 25% das residencias para maiores; o incremento dos centros de día nun 77%; a subida das prazas de atención a persoas con discapacidade nun 15%, o aumento dun 50% dos servizos de teleasistencia; ou a subida do Servizo de Axuda no Fogar nun 113%.

Aposta pola conciliación

Durante o seu relatorio, Rey Varela, marcou a conciliación da vida profesional e familiar como unha das prioridades da Consellería de Política Social. Ademais das novas medidas anunciadas como a tarxeta familiar, as casas niño ou a flexibilidade laboral, o conselleiro subliñou as “20.500 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos”.

Nesta liña salientou a Escola Infantil de Boiro posta en servizo o pasado mes de setembro e que conta con 41 prazas.

6 de novembro de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.