O Concello realizará unha proba temporal para reorganizar o tráfico viario e mellorar a seguridade peonil no CEIP da Maía e no IES de Ames
O Concello de Ames vai realizar durante este xoves 12 e o venres 13 de novembro unha proba temporal para reorganizar o tráfico viario e mellorar a seguridade peonil no CEIP da Maía e no IES de Ames, ambos os centros situados na localidade de Bertamiráns. Para iso vanse a desenvolver unha serie de accións puntuais como son habilitar unha beirarrúa na dársena de autobuses e establecer unha fila única de autobuses en vez das dúas que existen actualmente. Esta iniciativa vai ser posta en marcha entre os departamentos de Educación, Urbanismo e a Policía Local de Ames.
O alcalde de Ames e responsable da área de Seguridade cidadá, José Miñones, solicita “a colaboración da comunidade educativa de Ames para que todo se desenvolva con éxito, xa que dende o goberno municipal fixámonos a seguridade dos rapaces e rapazas como a primeira das prioridades”.
Por outra banda, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “xa se lle enviou unha nota informativa aos pais e nais do alumnado destes centros escolares para informalos destas actuacións. Dende o Concello coordinamos todas as actuacións a través da Policía Local e o departamento de Urbanismo, en colaboración coa dirección do CEIP da Maía e co IES de Ames, así como coa empresa de autobuses que realiza este servizo para que sexan coñecedores e partícipes das probas que se van desenvolver durante esta semana”.
Deste xeito, o Concello de Ames realizará este xoves 12 e o venres 13 de novembro unha proba temporal para reorganizar o tráfico viario e mellorar a seguridade peonil na contorna do CEIP A Maía e do IES de Ames, situados en Bertamiráns. Debido a iso realizaranse unha serie de actuacións puntuais como son habilitar unha beirarrúa provisional na actual dársena de autobuses escolares, quedando simplemente unha fila de autobuses, en vez das dúas filas de autobuses actuais.
Dársena provisional de autobuses
Tamén se habilitará unha dársena provisional de autobuses, situada entre as dúas portas de entrada ao recinto do CEIP A Maía. Os nenos e nenas que viaxan nos autobuses con números 1, 2 e 3, que realizan a parada nesta nova dársena, entrarán ao colexio pola porta de acceso habilitada ao final da liña de autobuses (porta 2). Esta porta estará aberta e sinalizada só para a entrada e saída de nenos e nenas do CEIP, os alumnos do IES utilizarán o acceso habitual.
Ademais, impedirase temporalmente o aparcamento en batería de vehículos particulares entre as dúas portas de entrada ao recinto do CEIP A Maía (uns 45 metros) e reforzarase a presenza policial durante as dúas xornadas de proba. Finalmente, recoméndase o uso do aparcadoiro do pavillón polideportivo para os vehículos particulares, para evitar atascos nas zonas de entrada aos centros escolares.
O concelleiro de Obras e Urbanismo, Blas García, pon de manifesto o esforzo do goberno para solucionar o problema de seguridade viaria existente nesa zona, e di que “estamos a traballar en varias opcións para mellorar a seguridade dos alumnos e alumnas dos centros de ensino, e estas probas forman parte dun proxecto máis amplo de reordenación de todo o espazo existente ao carón dos centros educativos”.
Por último, David Santomil, indica “agradecemos a colaboración de todas as familias, nais e pais e agardamos que esta proba sexa de utilidade para mellorar a seguridade viaria e peonil nos centros escolares o antes posible. Este é un obxectivo prioritario para todos os grupos municipais que forman a corporación municipal e para a comunidade educativa de Ames. Temos o compromiso de facer todo o posible para solucionalo”.











