O Concello de Vilagarcía insta aos propietarios da Casa do Castro a que inicien xa as obras de consolidación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello instou hoxe aos propietarios da casa do Castro a que inicien de xeito inmediato as obras de consolidación do edificio. No caso contrario, a Administración asumirá a execución con cargo a aqueles, que, ademais, deberán asumir as multas que levan xa acumuladas polo reiterado incumprimento das ordes da Alcaldía.

Como estaba previsto, hoxe técnicos da empresa propietaria, Técnicas del Vidrio Transformado, SL, se reuniron cos seus homólogos do Concello, ademais do alcalde, Alberto Varela. Os primeiros amosaron algunhas discrepancias técnicas co proxecto elaborado polo equipo da Área de Rehabilitación (ARI). Pero, en calquera caso, dende o Concello se lles transmitiu que as obras de consolidación deben iniciarse con carácter inmediato. Do contrario, e como se anunciou, antes de fin de ano a Administración procederá á súa execución, valorada en algo máis de 60.000 euros, pero con cargo á empresa, que deberá sumar a eses cartos outra cifra similar correspondente ás multas coercitivas acumuladas nos últimos anos, precisamente pola súa desobediencia ás ordes da Alcaldía.

O Concello está disposto a facer cumprir a legalidade urbanística e non permitirá máis demoras na resolución dun caso que xerou numerosas queixas veciñais polo evidente perigo que supón o estado actual do edificio. O proxecto de consolidación elaborado polo ARI conta con preceptivo informe positivo da Comisión Territorial de Patrimonio.

19 de novembro de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.