O Concello de Vilagarcía dá outro paso cara a recuperación do Balneario da Compostela
O Concello de Vilagarcía vén de dar un novo e importante paso cara a recuperación definitiva do Balneario da Praia Compostela, pendente da resolución dos litixios cos antigos concesionarios. Este novo pulo chega coa resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza desestimando o recurso interposto por Placomsa S.A. e José Leirós e Alfonso Mouzo contra as indemnizacións que o Xulgado do Contencioso Administrativo nº 3 de Pontevedra impuxo ao Concello polo rescate da concesión. A sentenza non é susceptible de recurso ordinario algún.
Coa desestimación do recurso queda ratificada a sentenza ditada polo Contencioso número 3 de Pontevedra en maio de 2015, polo que, de forma definitiva o Concello deberá abonar aos últimos concesionarios 8.972 euros en concepto de indemnizacións, dos cales 3.154 corresponderíanlle a Placomsa e os 5.818 restantes a Leirós e Mouzo. Cómpre lembrar que os tres recorrentes demandaban indemnizacións por un total de1.606.014 euros.
Ademais, o TSXG impón as costas do proceso de cada un dos recursos aos propios recorrentes e advirte que esta sentenza non é susceptible de recurso ordinario algún.
En cumprimento desta sentencia, o Concello terá que depositar no xulgado os 8.900 euros estipulados, como xa fixo hai anos por mandamento da autoridade xudicial cando abonou os 223.275 euros correspondentes ao xustiprezo polo rescate da concesión. A razón é que Placomsa ten embargados pagos debido á débedas acumuladas e que acabaron nos xulgados.
O recurso que ven de desestimar o TSXG correspóndese coa peza separada da sentencia do Contencioso Número 3 de Pontevedra que anteriormente xa dera pé a outro recurso que o TSXG tamén resolveu de forma favorable ao Concello. Esta sentenza anterior data de maio de 2014 e nela se ratificaba que a concesión do Balneario non se podía devolver aos últimos titulares da mesma. O Tribunal argumentaba a imposibilidade material de poñer á concesionaria en posesión do do entregado no seu día – as dependencias municipais do Balneario- “pues el edificio ha sido modificado sustancialmente, tanto desde el punto de vista estructural como en su disposición” mediante a realización das obras de rehabilitación realizadas polo Concello durante o mandato do goberno bipartito presidido pola socialista Dolores García.
Estas obras foron financiadas a través do segundo Plan E, contaron cun presuposto de 612.474 euros e a súa execución era necesaria e urxente debido ao grave estado no que se atopaba o Balneario tras varios anos de abandono por parte dos titulares da concesión. O deterioro era tal que parte das obras consistiron en reforzar a estrutura do inmoble.
Esta última sentencia do TSXG supón outro gran avance na consecución do obxectivo final que persegue o Concello dende hai anos de recuperar o Balneario e volver a darlle un uso a unhas instalacións privilexiadas tanto polo seu emprazamento como polas as súas características. Non obstante, aínda quedan por resolver dúas causas en trámite nos xulgados 1 e 2 do Contencioso de Pontevedra.











