O Concello de Vigo suspende os mercadillos en Bouzas e Coia
O goberno municipal de Vigo anunciou a suspensión dos mercadillos que se celebran en Bouzas e Coia, os domingos e mércores, respectivamente, “até novo aviso”, por motivos de seguridade, e tras os altercados das últimas semanas entre vendedores ambulantes de etnia xitana.
Segundo avanzou este venres o concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, as feiras seguirán sen celebrarse (nas dúas últimas semanas estiveron suspendidas) porque, “nas actuais circunstancias”, segundo subliña, “non se pode garantir a seguridade”.
Este anuncio coñécese o mesmo día en que un grupo de xitanos zamoranos tivo que abandonar o mercadillo de Redondela (Pontevedra) escoltado pola Policía, tras producirse un altercado cun grupo dos chamados xitanos ‘morones’. Este incidente produciuse dúas semanas despois do tiroteo rexistrado na VG-20 en Vigo, no que resultou ferido de bala un feirante do grupo dos ‘zamoranos’.
A decisión sobre cando poderán celebrarse de novo estas dúas feiras tomarase “en función de como evolucionen as circunstancias”, segundo aclarou o concelleiro vigués de Seguridade.











