O Concello de Ourense presentará denuncia polo roubo de 1.000 metros de liña de alumeado eléctrico no Paseo do Barbaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseSucesos
A-
A+

O Servizo Eléctrico do Concello de Ourense está a avaliar os danos ocasionados no alumeado público do Paseo do Barbaña, co fin de formalizar unha denuncia polo roubo de 1.000 metros de liña de alumeado eléctrico.

Ademais do roubo de cable de cobre que da servizo eléctrico, tamén se produciron danos nas arquetas metálicas, que xa foron soldadas en diversas ocasións, xa que o roubo detectado hoxe é o terceiro que se ten producido nesta zona nos últimos meses. O tramo de alumeado afectado está comprendido entre o Pazo Paco Paz e a rúa Manuel Murguía.

Segundo as primeiras estimacións das consecuencias económicas deste roubo para as arcas municipais, o custe do cable roubado podería ascender a 6.500 euros, aproximadamente, cifra que podería variar se o análise dos danos certifica que son maiores dos inicialmente estimados.

O Concello de Ourense fai un chamamento para que os veciños que detecten casos similares, que xa se deron noutras ocasións no Paseo das Ninfas, e ata en tres ocasións na mesma zona do Parque Barbaña, o poñan en coñecemento da Policía Local.

10 de novembro de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.