O Concello de Ourense destina 416.337 euros para abonar parte da paga extra de decembro 2012
O Concello de Ourense fará un desembolso de 416.337,98 euros o vindeiro mes para abonar parte da paga extra que se lle debe aos traballadores municipais desde decembro de 2012. Esta foi unha das medidas adoptadas na Xunta de Goberno Local (XGL) celebrada esta mañá, e da que deu conta o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa. O pago de parte desta extra -quedaría o 50%, que se realizaría en 2016- realizarase na vindeira nómina, correspondente ao mes de decembro.
Ocupación de vía pública
No relativo á Concellería de Comercio, A Xunta de Goberno Local aprobou os criterios que rexerán a ocupación da vía pública para diferentes actos e actividades. “Mentres no se aproba unha ordenanza específica para este asunto, aplicarase un protocolo de actuación que compila os criterios que establecen as diferentes leis de ámbito administrativo para a ocupación de vía pública”, explicou o alcalde. “Noutras palabras, supón clarificar pautas e normas de funcionamento tanto para o público como para os traballadores deste Concello”.
Deste xeito, todas as solicitudes se deberán presentar por Rexistro Xeral do Concello cun prazo mínimo de 10 días hábiles á data o evento. A documentación esixida será a instancia debidamente cuberta, o seguro de responsabilidade civil e o xustificante de pago da taxa municipal correspondente. Ningún acto poderá ser autorizado por un período superior a unha semana, salvo os promovidos polo Concello e debidamente xustificados pola Concellería responsable mediante informes técnicos. No caso concreto das ocupacións da Rúa do Paseo, valorarase pola Concellería de Comercio a saturación desta rúa e se poderán desviar actividades para outros puntos da cidade. Tomando como referencia os informes da Policía Local, a dimensión máxima de ocupación será de 3 metros de ancho, quedando limitado o longo en función dos informes emitidos polos servizos técnicos competentes.
En ningún caso se permitirá a venda de produtos salvo nas feiras organizadas polo Concello, as actividades incluídas na ordenanza de venda ambulante: polbo, castañas, churrerías, rosquillas no San Lázaro, Ramos e Entroido, as velas en Fátima, casetas de xeados, mercadillos solidarios que estean debidamente xustificados, así como cupóns con fins benéficos. Todas as solicitudes presentadas estarán sometidas a informe da Policía Local e de todos aqueles servizos dependendo da actividade a realizar. Estarán exentos de informes todas aquelas mesas informativas que non excedan de 2×2 metros cadrados.
Contratación
A XGL aprobou a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación mediante procedemento aberto do servizo de préstamo de bicicletas do Concello de Ourense, paso previo á súa adxudicación definitiva. A oferta mellor valorada, con 100 puntos da valoración económica, foi a de San Mamede Bike, S.L., cun prezo ofertado de 50.067 euros.
No mesmo apartado, rectificouse un erro de redacción no punto 6 da XGL de 13 de novembro, referido á adxudicación do servizo de instalación, posta en funcionamento, mantemento e retirada da iluminación de Nadal 2015-2016. (79.860 euros).
Igualmente, a XGL aprobou o gasto derivado da adxudicación do contrato do servizo de asistencia técnica e apoio administrativo e técnico para a realización dos traballos de actualización e mantemento catastral do término municipal de Ourense. Estes traballos, ata o 2018, realizaraos a empresa Servicios de Colaboración Integral S.L., por un importe de 315.835,21 euros en 4 anualidades.
Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio
Noutra orde de cousas, a XGL estimou parcialmente a solicitude da comunidade de propietarios da urbanización Pazo de Ramirás, , no que indicaba como instrumento urbanístico idóneo o Plan Especial de Infraestruturas e Dotación no ámbito desta urbanización.
Así mesmo, ordenouse a tramitación de 4 expedientes de reclamación patrimonial. Tres deles por danos en vehículos (por causa dun guindastre, caída dunha árbore e afundimento dun sumidoiro) e o cuarto é dunha empresa polos perxuizos sufridos como consecuencia da anulación dunha licencia urbanística, aprobada o 3 de marzo de 2011, na área de reparto AR-38N “Chavasqueira II”.
Tamén neste apartado temático, desestimouse a petición de recoñecemento de titularidade privada das comunidades de propietarios de dous edificios das rúas Valle Inclán e Celso Emilio Ferreiro sobre os terreos que conforman a rúa Pasaje Valle Inclán.
PERI
Aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións do Programa de Rexeneración e Renovación Urbana para as ARRUS (antes coñecidas como ARIs) do Casco Histórico, Núcleo de Seixalbo, Polvorín – Camelias – A Carballeira e Serra San Mamede – Cruceiro Quebrado – A Inmaculada. Aprobada esta convocatoria, ordenouse a publicación da mesma no BOP.
Xestión Urbanística
A XGL concedeu dúas licenzas: unha para o proxecto básico e de execución de cambio parcial de cuberta nunha edificación na rúa Paraíso (zona de O Vinteún, preto de río Arnoia), e incoouse expediente para comprobar se excedeu a caducidade nunha licencia de obra concedida.
No terreo das aperturas, aprobáronse obras para unha vindeira academia de música e para adaptación dun local a restaurante. En canto á disciplina, a XGL acordou desestimar o recurso contra as multas coercitivas que se lle impuxeron a un veciño (acordo de XGL de 26 de febreiro) pola instalación dunha cancela ilegal que invadía solo público e impúxoselle unha multa a un veciño denunciado por obras de construción sen licenza e por non executar as obras de peche.
Cemiterios
Desestimouse un recurso de reposición pola fin da concesión dunha sepultura e aprobouse a proposta para a contratación do mantemento preventivo e correctivo da instalación térmica e forno crematario do cemiterio de Santa Mariña por un importe de 3.388 euros (IVE incluído).
Turismo e Termalismo
Desestimouse o recurso de reposición interposto pola entidade Redegal S.L. contra acordo da Xunta de Goberno Local de 27 de agosto sobre reclamación de pagamento de varias facturas.
Servizos Xerais
Nomeouse representante do Concello de Ourense na sociedade Parque Tecnolóxico de Galicia S.A. ao alcalde, Jesús Vázquez. O seu substituto nas facultades de representación será o concelleiro Jorge Pumar.
Fóra da orde do día
Convenio de Colaboración Empresarial entre o Concello de Ourense e a Fundación La Caixa para a instalación da exposición itinerante “Érase una vez… ¡El Habla!”, que estará situada no parque Barbaña entre o 2 de decembro e o 14 de xaneiro.
Tamén se aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, dos servizos técnicos do Auditorio Municipal coa correspondente aprobación das cláusulas administrativas e técnicas. O custe anual será de 144.716 euros.











