O Concello de Ourense achega o Voluntariado aos centros educativos para fomentar a participación social entre a mocidade
O Concello de Ourense inicia o programa “Achegamento ao Voluntariado desde o ámbito educativo” a través de materiais didácticos elaborados pola Concellería de Voluntariado e a empresa Atelier SOCIAL co obxectivo de fomentar a implicación da comunidade educativa en actividades de voluntariado, unha das máis importantes formas de participación social. Considérase desde a área dirixida por Sofía Godoy que a mocidade debe familiarizarse con el dende cedo, polo que a escola, ademais de lugar de aprendizaxe formal, ten que servir para a transmisión de valores contribuíndo ao crecemento persoal do alumnado.
Estes mateirias están dirixidos ao alumnado de entre 12 e 18 anos que estean cursando ESO, Bacharelato e ciclos formativos de grao medio nos distintos centros da cidade de Ourense, e pretenden sensibilizar a poboación xuvenil da cidade sobre a necesidade da participación social, especialmente a través do voluntariado, motivándoos para que se comprometan e participen no día a día da cidade, e se convirtan así en axentes dinamizadores de cambios na sociedade.
Durante as sesións de traballo, ademais dos coñecementos propios da acción voluntaria e os dereitos e deberes, poderán obter información das entidades de acción voluntaria que traballan na cidade, e mesmo se lles dará a oportunidade de colaborar nalgunha delas.
A iniciativa “Achegándonos ao Voluntariado desde o ámbito educativo” está baseada nunha metodoloxía que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade, e desenvolverase de xeito experimental esta mesma semana con alumnos/as do CIFP Portovello, tendo continuidade no resto de institutos ou centros de formación profesional que así o soliciten na oficina municipal de voluntariado do Concello de Ourense (praza de San Martiño 2, baixo ou no enderezo web www.ourensevoluntario.org). Os contidos do programa de voluntariado incluiranse no currículo deste curso dentro das ramas de animación sociocultural e de educación infantil, e desenvolveranse ao longo do curso escolar. No caso concreto do CIFP Portovello, o Voluntariado impártese como materia nos ciclos de Animación sociocultural e turística, así como no de Educación Infantil.
Alén de sensibilizar a poboación xuvenil sobre a necesidade de participación social a través do voluntariado, este programa persegue outros obxectivos específicos como son os de motivar ao alumnado para que se comprometa e participe como axente xerador de cambios, xerar espazos de reflexión libre e de intercambio de opinións, facilitar información sobre o voluntariado, facer visible o traballo das entidades de acción voluntaria e, finalmente, darlle ao alumnado a oportunidade de colaborar nalgunha entidade de voluntariado concreta para poñer en práctica o aprendido.











