publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Concello de Oroso e ASPERGA organizan un encontro de familias de afectados pola síndrome de Asperger

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

A Asociación Galega de Familias de Persoas Afectadas pola Síndrome de Asperger (ASPERGA) elixiu Oroso para celebrar os seus encontros de familias, nos que se ofrece información e apoio para os familiares de persoas coa síndrome de Asperger. Uns encontros que comezarán este sábado 21 de novembro, de 11:00 a 12:30 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Están abertos a todas as familias da contorna e a participación é gratuíta, se ben por razóns de loxística é preciso anotarse previamente no teléfono 615 402 026.

A concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodeiro, explica que “en Oroso hai varias familias con afectados pola síndrome de Asperger que tiñan que trasladarse ata Coruña para participar nestas reunións informativas e de apoio, polo que nos puxemos en contacto con ASPERGA para ofrecerlles a posibilidade de realizar estes encontros en Oroso”. Rodeiro Fernández sinala que “se a iniciativa ten unha boa acollida, o noso obxectivo é que poida celebrarse mensualmente en Oroso”.

Apoio ás familias 

O apoio ás familias de persoas diagnosticadas con síndrome de Asperger é esencial para poder abordar de xeito integral as dificultades ás que se enfrontan no seu día a día. Por iso, ASPERGA puxo en marcha nas súas sedes da Coruña e Vigo uns encontros de familias que buscan unha dobre finalidade: informar ás familias no manexo de problemáticas usualmente presentes e compartir experiencias. Uns encontros nos que as familias traballan diferentes habilidades, recursos e fortalezas que axuden a diminuír o estrés persoal e contribuir así á mellora da calidade da vida familiar.

O contido dos encontros dependerá das preocupacións reais das familias asistentes ao obradoiro, polo que a sesión deste sábado servirá para a recollida de datos e valoración das demandas que posteriormente se traballarían nos meses seguintes. Deste xeito, ASPERGA poderá achegar solucións prácticas ás familias, incluso con colaboracións puntuais doutros profesionais. 

Formación do profesorado 

Esta non é a primeira actividade que o Concello de Oroso organiza en relación coa síndrome de Aspeger. En novembro de 2014, a Concellería de Benestar Social organizou dúas charlas dirixidas ao profesorado dos colexios de Oroso para complementar a súa formación na atención a nenos e nenas con necesidades especiais. A primeira desas charlas xirou en torno á síndrome de Asperger, un trastorno de natureza neurolóxica enmarcado dentro dos trastornos do espectro autista e que afecta a entre 3 e 7 persoas de cada 1.000 nacidos, especialmente aos varóns.

Este curso, de dúas horas de duración, foi impartido por técnicas do Servizo de Atención Temperá de Oroso e representantes de ASPERGA. A síndrome de Asperger é un trastorno de natureza neurolóxica que se enmarca dentro dos trastornos do espectro autista (TEA). A súa característica principal é a alteración da interacción social, cunha dificultade para comprender as regras sociais, para usar e entender os comportamentos non verbais ou para compartir experiencias. Ademais, adoitan estar presentes rituais ou temas de interese obsesivos, un uso peculiar da linguaxe, dificultades motoras, tics ou problemas de atención, entre outros. Na maioría dos casos a intelixencia non está afectada. Trátase dun trastorno moi heteroxéneo, cunha manifestación variable nos distintos afectados.

18 de novembro de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.